
![]() |
DIA DAS LETRAS GALEGAS |
03/05/09 |
|
|
O Día das Letras Galegas é un día de
exaltación da lingua de Galicia através da súa manifestación literaria.
Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da
primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Estimaban que o poemario de Rosalía era a
primeira obra mestra da literatura galega contemporánea, é dicir,
considerábana a primeira obra do Rexurdimento. Realmente, a data real de
publicación do libro descoñécese, pero nese día Rosalía dedicoullo á tamén
poeta Fernán Caballero. A partir de entón dedícaselle o día de cada ano a unha figura significativa da literatura galega, coa única condición de que no ano da súa conmemoración se cumpriran dez ou máis anos do seu falecemento.
|
|||
|
AUTORES HOMENAXEADOS |
|||
|
1963 Rosalía de Castro 1964 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao 1965 Eduardo Pondal 1966 Francisco Añón Paz 1967 Manuel Curros Enríquez 1968 Florentino López Cuevillas 1969 Antonio Noriega Varela 1970 Marcial Valladares Núñez 1971 Gonzalo López Abente 1972 Valentín Lamas Carvajal 1973 Manuel Lago González 1974 Xoán V. Viqueira Cortón 1975 Xoán Manuel Pintos Villar 1976 Ramón Cabanillas 1977 Antón Vilar Ponte 1978 Antonio López Ferreiro 1979 Manuel Antonio 1980 Afonso X o Sabio 1981 Vicente Risco 1982 Luis Amado Carballo 1983 Manuel Leiras Pulpeiro 1984 Armando Cotarelo Valledor 1985 Antón Lousada Diéguez 1986 Aquilino Iglesia Alvariño |
1987 Francisca Herrera Garrido 1988 Ramón Otero Pedrayo 1989 Celso Emilio Ferreiro 1990 Luis Pimentel 1991 Álvaro Cunqueiro 1992 Fermín Bouza-Brey 1993 Eduardo Blanco Amor 1994 Luis Seoane 1995 Rafael Dieste 1996 Xesús Ferro Couselo 1997 Ánxel Fole 1998 Martín Codax, Xohán de Cangas e Mendinho 1999 Roberto Blanco Torres 2000 Manuel Murguía 2001 Eladio Rodríguez 2002 Frei Martín Sarmiento 2003 Antón Avilés de Taramancos 2004 Xaquín Lorenzo 2005 Lorenzo Varela 2006 Manuel Lugrís Freire 2007 María Mariño Carou 2008 Xosé María Álvarez Blázquez 2009 Ramón Piñeiro |
||
|
A HISTORIA DA LINGUA GALEGA |
|
I |
|
Miñas donas e señores, nenos, vellos e medianos, esta historia verdadeira xa comeza cos romanos. Era unha vez unha terra que Gallaecia era chamada, onde había moitas tribos nunha idade antepasada. Fabricaban xoias de ouro e fina ourivesería, mais as linguas ignoramos, pois ningunha se escribía. Chegaron despois de Roma xentes ben organizadas, que gañaron esta terra polas armas esforzadas. |
|
II |
|
Asentáronse os romanos en cidades que fixeron, os antigos poboadores dos seus castros descenderon. Mesturáronse os dous pobos, vencidos e vencedores, e ó cabo dun certo tempo non quedaron máis rancores. Os romanos posuían unha avanzada cultura, e adiantaron moito as artes, o comercio, a agricultura. Falaban estes romanos a ilustre lingua latina, e ó cabo de pouco tempo, Galicia por súa a tiña. |
|
III |
|
Media Europa e máis aínda falaba latín daquela coma Horacio e coma Ovidio, coma Plauto e Columela. Mais é de todos sabido que a lingua que se falaba non era o latín escrito, anque moito lle imitaba. Latín vulgar era a fala na que entonces se entendía desde o Miño ata o Danubio canta xente alí vivía. Desfeito o Imperio Romano polas armas dos xermanos, a lingua foise rompendo, porque todo vai mudando. |
|
IV |
|
Neste extremo de occidente xa o falar se diferencia do que falan en Italia en Romenia e en Provenza. Xa non podemos chamarlle lingua latina a esta fala, e chamámoslle galego pra poder diferenciala. Toda a xente desta terra sen ningunha distinción fala nesta nova lingua que é o idioma da nación. Os clérigos inda escriben na antiga lingua romana, pero o pobo non a entende, pois xa queda ben lonxana. |
|
V |
|
Alá polo mil douscentos a lingua que hoxe falamos escomenza a ser escrita por poetas e notarios. Falan en lingua galega reis,labregos e señores, e os abades dos mosteiros e os soldados e os doutores. Unha grande poesía cántase ó son das violas polas prazas de Santiago, por Toledo e por Lisboa. Agres cántigas de escarño, doces cántigas de amores resplendían coma xemas no cantar dos trobadores. |
|
VI |
|
Rei Afonso de Castela cantaba a Santa María coas palabras máis fermosas que na nosa terra había. Rei Denís de Portugal, o amigo da agricultura, na nosa língua cantaba con extremos de dozura. Martín Codax o de Vigo, Airas Nunes e Mendiño, dicían os seus cantares nas terras que baña o Miño. Pero Meogo trobaba do cervo que a auga volvía con tan belidos dicires que os sentidos suspendía. |
| VII |
|
A luz máis bela de Europa resplendía en Compostela como en
terras de Occitania de onde viña tanta estrela.
Historias de cabaleiros e miragres de Santiago en galego se contaban, e as fazañas dos troianos. E ordenanzas se escribían e crónicas e tratados e os acordos dos concellos en galego eran labrados. Mais despois tempos viñeron que Galicia esmorecía, porque nobres e señores cometeron felonía. |
| VIII |
|
Viñeron xentes de fóra, xentes de dentro marcharon, e a
lingua da nosa xente nos escritos olvidaron.
Galicia foi sometida polo xugo de Castela, e os que mandan en Galicia non falan na língua dela. Pero as xentes desta terra, columna do noso pobo, non deixan de ser galegos nin falan idioma novo. Artesáns e mariñeiros e burgueses e labregos levan no peito Galicia e nos labios o galego. |
| IX |
|
Inda que os bispos de fóra mandan rezar noutra língua, a
xente fala na súa Galicia non sofre míngua.
Así van pasando os anos, anos a ducias e centos, e moitos anos máis tarde fala o bo Martín Sarmiento. Padre Sarmiento Bieito non quere de fóra un crego, nin oficial de xusticia que non fale en bo galego. Douscentos anos pasaron desque escribiu este frade, e inda todo o que el quería dista ben de ser verdade. |
| X |
|
Ó principio do oitocentos toda Galicia falaba na lingua dos
devanceiros e ninguén se avergonzaba.
Pero en seguida empezaron as xentes acomodadas a pensar que eran máis finas as palabras importadas. Galicia xa tiña fendas, xa o seu corpo se crebaba pola mor dos desleigados que a súa lei non lle gardaban. Pero había peitos nobres que pensaban doutro modo, e anque en Carral os mataron nunca os mataron de todo. |
| XI |
|
O seu espírito altivo preludiaba o nacemento das mil flores
que serían o noso Rexurdimento.
Añón, Pintos e Camino e outra xente que escribía na vella lingua galega, preludiaba a Rosalía. Rosalía a gran poeta recobrou a dignidade da língua que todo o pobo gardara na adversidade. Don Manuel Curros Enríquez palabra de aceiro fino, cantou a luz e o progreso neste idioma campesino. |
| XII |
|
Língua de ouro nos facía Pondal o bardo do pobo cantando os
fastos antigos e un futuro libre e novo.
E entre tódolos poetas a historia nos descubría e fundaba o noso orgullo aquel bo Manuel Murguía. Entusiastas estudiosos a gramática estudiaban, recollían as palabras e pulían e ordenaban. Fundaron unha Academia e as Irmandades da Fala, que naceron na Coruña para honrala e enxalzala. |
| XIII |
|
E tantas altas empresas e tantos feitos honrosos que en
Galicia procuraban un abrente esplendoroso.
Castelao e Vilar Ponte Bóveda, Otero Pedrayo, ¡Que gran xente aquela xente, que esplendor extraordinario! No trinteseis o Estatuto fixo un pouco de xusticia recoñecendo o galego como lingua de Galicia. Pero a guerra fratricida desfixo toda esperanza e a vida de moita xente de imborrable relembranza. |
| XIV |
|
Foron anos de silencio, de persecución e pranto: "A longa
noite de pedra" enchía os peitos de espanto.
Por fin foron renacendo novas luces pequeniñas e Galicia agurgullaba nas xuntanzas clandestinas. Novos poetas cantaron, contaron os narradores, e "a longa noite de pedra" clarexaba cos fulgores. Galaxia, O Castro, Castrelos editaban en galego e a patria nosa xurdía e empezaba a ve-lo cego. |
| XV |
|
En Santiago canta o Galo, loce o Facho na Coruña e en
Ourense, Vigo e Lugo dase nova testemuña.
A enseña da democracia ten o brasón en galego e na fábrica e nas aulas soa a língua dos antergos. Mozos sabios e patriotas ordenan a lingua nosa; fana culta e ordenada, fana lóxica e fermosa. Entra a lingua nas escolas e se inda non é señora ten dereitos proclamados, anque ten máis a de fóra. |
| XVI |
|
Xa se fala nos lugares onde lle era antes vedado, inda que
hai quen a discute porque hai moito desleigado.
Inda hai pais que son contrarios a que a aprendan os seus fillos sexa porque non o pensan ou que os movan catro pillos. Este noso antigo idioma é unha lingua de cultura e é vergoña pra un galego non falala con soltura. "O galego que non fala na lingua da súa terra, nin sabe o que ten de seu, nin é merecente dela". |
| XVII |
|
Así
falaba un poeta noutro tempo deste asunto, e agora vai sendo hora de
poñerlle á historia punto.
Esta historia é diferente doutros romances de cegos; non se sabe inda o remate, pois depende dos galegos. Nenos, homes e mulleres desta terra adormentada, rematouse xa o romance, e escomenza a pandeirada: |
|
¡ARRIBA POBO GALEGO, ARRIBA LINGUA GALEGA, QUE SE MORRE A NOSA FALA NON HAI POBO NIN HAI TERRA! |
|
Texto do libro da Exposicion "Historia da Língua Galega". |