

| 70- ANTÓN LÓPEZ FERREIRO (Dias das Letras Galegas - 1978) |
05/05/09 |
Antón
López Ferreiro
A obra narrativa de López Ferreiro, continuador da liña romántica, consolidou un
conxunto de valores que serviron como base na reconstrución da consciencia
histórica do ser galego.
Antón López Ferreiro, considerado o mellor novelista e un
dos grandes eruditos galeguistas do século XIX, naceu en Santiago en 1837 no seo
dunha familia burguesa. Cursou estudos de Filosofía e Letras e Dereito na
Universidade Literaria e fixo carreira eclesiástica. En 1863 realiza o
doutoramento en Teoloxía na universidade central, para matricularse
posteriormente na Escola Diplomática de Madrid. Esta formación sírvelle para
obter o título de arquiveiro municipal. Dedícase entón á transcrición de
documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional. Ademais, aprenderá Paleografía,
Latín Medieval, Numismática, Epigrafía, Xeografía, Historia Medieval,
Bibliografía e Historia das Belas Artes. Xa en 1866 é nomeado sacristán maior da
igrexa madrileña de San Antonio de los Alemanes, mais regresará a Galicia ese
mesmo ano ao conseguir o posto de párroco de Santa Olalla de Vedra. Un polémico
artigo valeríalle o nomeamento como coengo da Catedral de Santiago. É El
matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad, no
que refutaba o discurso pronunciado nas cortes por Montero Ríos en defensa da
lei do casamento civil de 1870.
Moi interesado no pasado de Galicia, exerceu durante anos como catedrático de
Arqueoloxía Sagrada no Seminario de Compostela, e realizou un labor destacado no
achádego das reliquias do Apóstolo. Neste campo publicaría a obra Lecciones de
arqueología sagrada -1889-. As súas inquedanzas históricas levárono ademais a
compoñer máis de cincuenta obras sobre temas como o priscilianismo ou os foros
galegos. Así, desenvolveu un importante papel en revistas como El Porvenir, El
Libredón, El Pensamiento Gallego ou Galicia histórica -1901-1903-, unha
magnífica publicación creada por el mesmo..
Esta paixón quedou tamén reflectida na súa obra literaria, ateigada de
descricións de monumentos, comentarios históricos, citas de documentos non
publicados... Ocorre en obras como os romances A tecedeira de Bonaval -1894-, O
castelo de Pambre -1895- ou O niño de pombas -1905-, ambientados nos séculos
XIV, XIX e XII, respectivamente. López Ferreiro faleceu en Vedra no ano 1910.
http://manuellugris.17demaio.org/diasdasletras/ano.php?txt=ano_1978
Obra literaria
Deixou tres novelas históricas:
A tecedeira de Bonaval (1894) mestura unha historia de amor e os acontecementos
sociopolíticos da Galicia do século XVI: o enfrontamento entre a burguesía e a
Igrexa compostelás.
O castelo de Pambre (1895) narra acontecementos históricos da segunda metade do
século XVI en terras da Ulloa. Como na anterior novela, alterna unha historia de
amor coa exposición do conflito nobiliar entre Gonzalo Ozores de Ulloa e outros
nobres partidarios da casa de Trastámara.
O niño de pombas (1905), de temática amorosa, esta ambientada na Galicia do
século XII, co mosteiro de Carboeiro como pano de fondo da acción.
O propósito historiográfico fai que López Ferreiro inclúa nas tres novelas
descricións de monumentos e transcricións de documentos históricos.
O autor tiña plena conciencia do seu labor a prol da resurrección e
rehabilitación do idioma galego. É asombrosa a súa riqueza de léxico e sintaxe,
en ocasións incluíndo arcaísmos recuperados da documentación medieval.
Obra científica
Galicia en el último tercio del siglo XV. (1883)
Historia de la Catedral de Santiago
http://gl.wikipedia.org/wiki/Antonio_L%C3%B3pez_Ferreiro
