

| 65-XESÚS FERRO COUSELO (Dias das Letras Galegas - 1996) |
05/05/09 |
Xesús
Ferro Couselo
O historiador contribuíu á difusión da nosa lingua e cultura a través de
numerosos estudos. Traballou especialmente na recuperación do pasado de Ourense
e a súa provincia.
Xesús Ignacio Ferro Couselo naceu en Cordeiro -Valga- en
1906. Ingresou no seminario compostelán e cursou Filosofía e Letras. Moi
interesado pola prehistoria, vencéllase ao Seminario de Estudos Galegos, o que o
levaría a abandonar a carreira eclesiástica.
En 1931 comeza a colaborar na revista Logos e participa en Pontevedra na
fundación do Partido Galeguista. Xa en Tui crea en 1935 a revista Tude, que el
mesmo dirixiría. Un ano despois é elixido vicepresidente das Mocedades
Galeguistas, mais co obxecto de preparar as oposicións, establécese en Madrid,
onde o sorprendeu a guerra civil. Alí ficaría durante o conflito, traballando
con diferentes entidades -a CNT, Patrimonio, Cruz Vermella- e formando parte das
Milicias Populares Galegas da Frente Popular.
Rematada a guerra instálase en Ourense, iniciando un valiosísimo labor destinado
a recuperar o pasado da cidade e a provincia. Ourense foi ademais a receptora de
moitas das súas achegas á cultura, como a organización do Museo Arqueolóxico
Provincial -1953-, a creación da Agrupación Cultural Auriense -1967- e do
Boletín Auriense -1971-.
En 1951 accedeu á Real Academia Galega. No seo da institución apoiou en 1963 a
iniciativa de Fernández del Riego de instituír o 17 de maio como o Día das
Letras. A produción en lingua galega de Ferro Couselo é escasa, con só 14
traballos dos 121 que conforman a súa bibliografía. Con todo, sobresaen dous
escritos dedicados á nosa lingua, A vida e a fala dos devanceiros -1967- e o
artigo Como e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego.
O historiador contribiu á difusión da nosa cultura e lingua a través doutros
medios. Así, participou na creación da editorial Galaxia, a primeira creada en
Galicia para a edición de libros en galego tras a guerra civil. Ademais dictou
nas décadas dos 60 e 70 conferencias en galego e foi profesor -xunto con Blanco
Amor- dos primeiros cursos de galego que se impartiron en Ourense durante a
ditadura. Deste xeito, e malia non contar practicamente con obra escrita na nosa
lingua, a súa biografía fíxoo merecedor dunha homenaxe da cultura galega.
http://manuellugris.17demaio.org/diasdasletras/ano.php?txt=ano_1996
Obras destacadas
O Xénesis e as primeiras dispersións dos pobos (1931-32)
Grandeza e fin da case e torre de Marceo (1952).
Los petroglifos de término y las insculturas rupestres en Galicia (1952), tese
de doutoramento lida en 1946.
O Deus Bandua da Veiga (1956).
Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego (1958).
Del Orense monumental (1964)
A vida e fala dos devanceiros (Escolma de documentos galegos dos séculos XIII e
XVI). (1967).
O Magosto do Señor San Martiño (1967).
Las obras del convento e iglesia de Montederramo en los siglos XVI y XVII.
Separata do Tomo I do Boletín Auriense. Ourense (1971).
http://gl.wikipedia.org/wiki/Xes%C3%BAs_Ferro_Couselo
