

| 61- AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO (Dias das Letras Galegas - 1986) |
05/05/09 |
Aquilino
Iglesia Alvariño
Aquilino Iglesia compilou na súa obra poética as tendencias literarias do seu
tempo, como o neotrobadorismo, os ritmos popularistas, o hilozoísmo ou a
interiorización da paisaxe.
Aquilino Iglesia Alvariño naceu en Seivane en 1909. O
contacto nestes primeiros anos coa natureza e a vida campesiña quedará patente
no léxico e temática das súas creacións. Xa no seminario de Mondoñedo compuxo a
súa primeira obra poética, Señardá -1930-. Trátase de cincuenta sonetos nos que
se aprecia a influencia exercida sobre o autor polas súas múltiples lecturas,
así como por autores da talla de Cabanillas, Noriega ou o portugués Antero de
Quental. Tras deixar os estudos eclesiásticos e pasar unha tempada como docente
en Vilagarcía, cursa en Santiago Filosofía e Letras. Alí entrou en contacto coa
intelectualidade galeguista e comezou a participar activamente na vida cultural
do país. Así, exerceu como director de A Nosa Terra e fundou Renacencia. O seu
segundo libro, Corazón ao vento -1933-, desligado do modernismo, entronca co
franciscanismo da súa primeira obra e ábrese a correntes como o saudosismo e o
hilozoísmo, tendendo pontes cara á poesía moderna.
Tras a guerra civil compuxo poesía de signo fascista en español -Contra el ángel
y la noche, 1941- mais en 1947 volta á lírica galega, editando Cómaros verdes.
Con esta obra acadaría a súa madurez creativa, marcando o inicio da literatura
galega da posguerra. Cómaros compila material de tres lustros. Así, apréciase no
poemario a influencia diferentes correntes como a estilización neotrobadoresca,
a interiorización da paisaxe, o ensaio de ritmos popularistas, o hilozoísmo ou a
contención clásica. Nestes anos a profesión docente levouno a mudar de cidade en
varias ocasións.
En 1952 regresa a Compostela, onde participou no agromar da xeración literaria
das Festas Minervais. Así, colaborou en diferentes artigos e traducións para o
galego de textos grecolatinos en La Noche. A madurez e personalidade do seu
verso, que nunca chegou a abandonar certo eco imaxinista e neotrobadorista,
manifestáronse claramente nas obras De día a día -1960-, Landa de soledá -1961-
e Nenias -1961-. Dous anos despois do seu falecemento, en 1961, publicaríase,
baixo o título de Leva o seu cantare, unha colección de poesías inéditas ou
espalladas en diferentes xornais e revistas.
http://manuellugris.17demaio.org/diasdasletras/ano.php?txt=ano_1986
Corazón ao vento
Corazón de xoellos. Escolma.
CRUCEIRO ALDEÁN
Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra
chantèi, piadosamènte, unha cruciña tosca,
no xabre dos meus pòbres pensamèntos.
E fun vertendo o òleo perfumado da i-alma
na cunquiña de barro destas ermas palabras
para alumar, de noite, o seu silèncio...
A lua campesiña veu pousar onde a cruz
-cansada do camiño- o seu feixe de luz...
E reza mui baixiño, mui baixiño...
...Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra
abre Xesús os brazos, cheios de paz, na fonda
señardade calada dos camiños...
1930
Biblioteca Virtual Galega