54- GONZALO LÓPEZ ABENTE  (Dias das Letras Galegas - 1971)

04/05/09

Gonzalo López Abente


Sen demasiado éxito en eidos como o teatro ou a prosa, a poesía de López Abente caracterízase pola sinxeleza e intimismo de obras como Nemancos ou Centileos nas ondas.

López Abente naceu en Muxía no ano 1878. Agás o tempo que pasou estudando Dereito en Compostela, residiu sempre na vila natal, traballando como funcionario da banca. Este oficio non lle impediu vencellarse aos fenómenos políticos e culturais do seu tempo. Así, ocupou a dirección da Irmandade de Amigos da Fala de Muxía, colaborou en Ronsel, Nós ou A Nosa Terra e participou en empresas culturais como a Colección Lar ou o Seminario de Estudos Galegos.

A produción poética é a vertente máis salientable do seu legado literario. Neste xénero iniciouse con Escumas da ribeira, un traballo no que combina a tradición renacentista coa investigación métrica e rítmica da Escola Formalista. Non esquece, asemade, os motivos decadentes característicos do premodernismo hispánico.

Prosegue coa súa experimentación en Alento de raza. Neste caso ensaia variantes métricas máis complexas e continúa -trala pegada de Pondal- mesturando un léxico marcado polo cultismo coa fala da súa zona. A temática neste caso vai do malditismo á reivindicación histórica de Galicia. O cambio principal na poesía de López Abente chega da man de De outono -1924-. Aquí, xunto ao impresionismo paisaxista e as composicións morais e de loita, aparecen elementos de inspiración formalista como a exaltación da figura do poeta ou a fatalidade do amor. Será neste punto da súa traxectoria cando abandone o ton tenso e a experimentación afastándose do artificio. Chegarían despois composicións máis depuradas, de aparencia máis sinxela e íntima, como Nemancos -1929-, Centileos nas ondas -1958-, ou os póstumos Decrúa e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca.

Menos interesantes son as súas achegas narrativas. Escribiu varias novelas curtas nas que deixou constancia das súas inquedanzas sociais: O diputado por Beiramar -1919-, O escándalo -1920- e O novo xuez -1922-. Coa intención de contribuír a unha literatura popular e accesible publicou dous relatos sobre un trío amoroso, Buserana -1925- e Fuxidos -1926-.

Tivo unha única incursión tanto no eido da novela longa -Vaosilveiro, 1929- como no teatro -María Rosa, 1928-, sen excesivo éxito en ningún dos dous casos. Gonzalo López Abente faleceu en Muxía en 1963.

http://manuellugris.17demaio.org/diasdasletras/ano.php?txt=ano_1971


Escumas de ribeira

Escolma

A fouce

Fouce lucente en lóstregos vermellos,
vermellos como o sangue das túas víctimas,
¿que segador xigante te manexa?
¿Que segador de vidas
tenche decote, amenazante e torva,
sobre as nosas cabezas suspendida?
........................................................................
A carón do meu peito
refungando pasaches aquel día,
e do arbre en que frolecen meus amores
arricanches a ponla máis querida,
a ponla na que as froles máis sinxelas
perfumaban decote a ialma miña.
¿Que viñeches facer hoxe de novo,
fouce famenta das humanas ditas...?
Fungaches, como fungan
as pezoñentas víboras,
e outra ponla arrincaches do meu peito...
Dime, fouce maldita,
¿que segador funesto te manexa,
que as froles todas do meu peito arrincas?
Se te gozas coas bágoas dos meus ollos,
fire sin compasión, fouce cativa;
dun golpe fende o tronco do meu arbre,
e o sangue que me salla da ferida
¡no aceiro relucente da túa folla
unha eterna blasfemia deixe escrita!

Biblioteca Virtual Galega