

| 49- María Dolores Casanovas González (Ana Kiro) |
15/02/09 |
Como cantante
A carreira de Ana Kiro iníciase en Barcelona, dentro da colectividade galega.
Casada moi nova, tamén moi nova se separa e ten que sacar adiante a economía
familiar e mais unha filla. Proba sorte co mundo da canción, que ata daquela
fora só unha afección, e colleita un moderado éxito ata que ficha pola
discográfica Belter. Fai entón xiras con cantantes de música lixeira como José
Guardiola, participa en distintos concursos da canción e logo traballa como
vocalista nun programa de Televisión Española, Galas del sábado, presentado por
Joaquín Prat e Laura Valenzuela.
A comezos dos setenta fai as primeiras viaxes a Galicia e coñece o compositor
Manuel Muñiz. Este adapta un tema popular e cédello a Ana Kiro para que o
interprete. Será o Galicia, terra meiga, de 1973, que ten que gravar no selo
Olimpo, dedicado á música folclórica, por estar en galego. Dese tema vende máis
de 100.000 copias e permanece durante tres meses nas listas de vendas en toda
España. A partir dese tema continuou as colaboracións con Muñiz, e mais tamén
con Xosé Luís Blanco Campaña como intérprete e compositor.
Galicia, terra meiga ábrelle a Ana Kiro as portas da emigración, e comeza a
viaxar a Suíza, a Alemaña, a Francia, e a partir de 1976, a América. Nun
concerto neste continente conseguiu 24.000 espectadores.
A finais dos oitenta retírase do mundo da canción. En 1995 fanlle unha homenaxe
na Coruña, que se retransmite pola Televisión de Galicia e que acada unha grande
audiencia. Despois de oito anos apartada completamente dos escenarios, actuou de
novo o 14 de setembro de 2007 en Mera, nun concerto de homenaxe á súa
traxectoria .
Na televisión
A partir dese momento comeza a súa relación coa televisión, que comeza en 1995
co talk-show Toda unha vida, cunha gran compoñente musical. Déixao ao ano para
seguir actando e en 1998 volta con Tardes con Ana, un talk-show estrito e onde
presenta 501 programas. Posteriormente participa como actriz protagonista na
serie A miña sogra e mais eu.
Vida persoal
Casada con Carlos Rivero, ten unha filla (Maricarme) e dous netos.
En 2006 detéctanlle un cancro de ovarios, do que é intervida cirurxicamente. En
2007, no programa Volver ao rego, de Xosé Luís Barreiro Rivas, fai a súa
reaparición como convidada.
Discografía (incompleta)
Galicia terra meiga (1973). Casette de ouro con 100.000 exemplares vendidos
Así canta Galicia (1975). Disco conxunto con Andrés do Barro, Pepe Domingo
Castaño e Bernardo Xosé.
Recordando a Galicia (1976)
Canta a Galicia (1977)
Desde México y con mariachi (1979)
Ana Kiro (1979)
Barqueiro. (1981)
De vacacións. (1985)
Arrastráche-lo cu polas pallas (1989)
Habelas hainas! (1991), con Los Satélites.
Singles
Potpurri gallego - Besos perdidos (1975)
A rianxeira - Galicia que tes? (1976)
Que digan misa - La noche de mi mal (1979)
Televisión
Series
Pratos combinados. No papel de si mesma, Ana Kiro (1 episodio).
A miña sogra e mais eu (2004). No papel de Ana.
Os Atlánticos (2008). No papel de si mesma, Ana Kiro (1 episodio)
Talk shows
Toda unha vida (1996-97) Presentadora
Tardes con Ana (1998-2001). Presentadora
Que boa tarde (2002). Presentadora.
Galardóns
Filla predilecta de Arzúa.
http://gl.wikipedia.org/wiki/Ana_Kiro