43- María Teresa Barro Muñoz-Ortiz

02/05/09

Teresa Barro

María Teresa Barro Muñoz-Ortiz naceu en A Coruña o 8 de marzo ( o día Internacional da Muller ¿ por casualidade ? ) de 1936, días antes do comezo da Guerra Civil española.

Escribe en galego, castelán e inglés.

Estudiou Filosofía e Letras nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid, e licenciouse nesta última en 1960. Reside en Londres dende 1964.


Cofundadora en 1970 , e colaboradora en todas as etapas, do Grupo de Traballo Galego en Londres xunto con seu home Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Ten tres fillos. Na actualidade publica no site deste Grupo :

Grupo de Traballo Galego de Londres http://www.grupotraballogalego.uk.net

Alí publicou a súa obra O atraso psicolóxico da Galiza: Cartas a Emilia Pardo Bazán.

Publica en castelán en Viento de marzo (http://www.vientodemarzo.net ): Hojas de pensamiento aireado. Nese site pode verse o seu ensaio en inglés, Myths and Mentalities, publicado por primeira vez en Familienblatt, Zeitung für Ausstellung "Pedigree Pal-Neudefinition von Familie".

Foi profesora de traducción en cursos de postgrao das universidades londinenses de Thames Valley e Westminster.


Dentro das súas publicacións cómpre destacar:


Cartas a Rosalía (Ediciós do Castro,1981)
Introducción á astroloxía (Xerais, 1983)


e a traducción dos seguintes libros:


Contos de Andersen (Ediciós do Castro, 1983)
Alicia no país das marabillas (Xerais, 1984)
Alicia no outro lado do espello (Xerais, 1985)
Fábulas de Esopo (Laiovento, 1997)

Tamén editou ensaios e artigos en publicacións periódicas como Grial, Festa da Palabra Silenciada e A Nosa Terra.

En 2002 publica Dentro e fóra a través da editorial Nigra Imaxe



O XUÍZO MORAL


No sistema patriarcal invocouse de continuo a loita entre o ben e o mal para inserir na sociedade humana medos e distorcimentos éticos que levasen a establecer as xerarquías que se buscaban. O que non se fixo foi desenvolver o xuizo moral que podería levar a distinguir entre un e outro seguindo as leis da creatividade e non as da represión. Apartouse o mal do ben con brutalidade e sen finura, e partiuse do suposto de que o ser humano era intrínsecamente bo ou intrínsecamente malo, o que levou a tolerancias inxustas e a condenacións monstruosas.


Aínda que haxa sociedades máis tolerantes en aparencía que outras e aínda que pareza que se avanzou moito nese sentido, rara vez a tolerancia se aplica máis cas capas superiores ou "boas" desas sociedades, e non pode ser casualidade que esas tolerancias para uns vaian sempre acompañadas de prisións e persecucións brutais para outros. E coa represión sucede igual. A represión nunca foi para todos; canto máis reprimidas están as mulleres nunha sociedade, por exemplo, máis liberdades teñen os varóns, e canto máis oprimidos están algúns, maiores excesos poden cometer outros.


As superioridades e inferioridades intrínsecas proprias do sistema impediron desenvolver o xuízo ético e fixeron velo todo en termos simplistas e reductores. O que habería que facer para distinguir o ben do mal seria utilizar a verdadeira intelixencia humana, que non é só cerebral, como se dixo para aferrar a supremacía do masculino, senón que está formada de intelecto e sentimento por igual.


O sistema abriu un abismo infranqueable entre o "cerebro", superior e masculino, e o sentimento, inferior e feminino. A intelixencia non podía ser feminina; tiña que ser cerebral e masculina. O sentimento era contrarío a ela e había que ter coidado de que non interferise no xuízo para que este fose xusto e acertado. Mais o xuízo moral ten moito que ver co sentimento e, por moito cerebro que se teña, sen un sentir puído, educado e refinado que leve a querer a boa calidade, non se pode chegar máis que a conclusións racionáis en aparencia pero que non se achegan á verdade. O xuízo moral ten que basearse na procura da verdade, e a verdade non só hai que querela e procúrala coas facultades intelectuais, senón tamén co corazón e o sentimento.


Como no sistema patriarcal o varón foi cerebro e a muller corazón, as facultades intelectuais mereceron educación e polimento por ser masculinas e superiores, pero as sentimentais non, por ser femininas e inferiores. E así o sentir ficou asilvestrado e embrutecido incluso nos que tiñan un intelecto adestrado. Tal vez sexa certo que a enerxía feminina está máis directamente vinculada ao sentimento e a masculina ao intelecto, mais todos, varóns e mulleres, temos cerebro e corazón, e o resultado de dividir as facultades humanas dándolle superioridade absoluta a unhas e deixando sen cultivar as outras, foi que a intelixencia quedou pouco desenvolvida, raquítica e sen funcionar como tina que ser.

 O intelecto e o sentimento teñen que estar igual de cultivados, polidos e refinados para funcionar ben. Se un deles non está educado, funciona mal e impide que o outro funcione ben. Cando o intelecto está cultivado e o sentimento non, o que se produce é un razoamento frío e sen sentido que está ben de forma pero non de fondo, porque non busca a verdade. Pódese razoar ben co cerebro e chegar ás maiores monstruosidades se ese razoamento non quere procurar a verdade. E igual pasa co sentimento; cando non está educado nin cultivado e non vai acompañado dun intelecto desenvolvido, pode ir por caminos obtusos e ata malignos por falta de entendemento. A sentimentalidade de mala calidade foi un dos instrumentos máis usados para obter dominio e vender productos mediocres e aparentes, e o manexo do sentimento ineducado foi unha das principáis armas de que se valeu o sistema patriarcal para afincar valores falsos e éticas distorsionadas. O querer ten moitísima forza, e a canalización que se fixo dun sentimento e un querer asilvestrados foi o que máis contribuiu a afincar os valores que o sistema precisaba para enraizar como enraizou.


www.galespa.com.ar