

|
40- Francisco Luís Bernárdez |
01/05/09 |
Francisco
Luís Bernárdez
Francisco Luís Bernárdez naceu en Bos Aires el 5 de outubro de 1900. Os seus
pais eran de Dacón, unha aldea preto de Carballiño. Sendo aínda un neno, a
familia Bernárdez transládase a Ourense, onde Francisco Luís pasa unha longa
tempada. É alí onde se familiariza co idioma dos seus pais e onde se vencella
sentimentalmente coa terra dos seus antepasados.
O propio Bernárdez cóntanos os seus anos xuvenís: “Crucei seis veces o Atlántico.
Vivín catro anos en España e Portugal. Fun un dos últimos directores de `Proa´ e
un dos máis afónicos fundadores da `Revista Oral´”.
A escritora María Raquel Llangostera nunha semblanza realizada a Bernárdez na
Revista “Capitulo: Historia de la literatura Argentina” sinala: “Hai na súa
poesía ese aire nostálxico que lle ven do pasado, dos seus maiores, da Galiza
vivida na adolescencia e desa terriña que se lle “escapa” como se non lle
pertencese, como se fose doutros”.
A comezos dos anos vinte Bernárdez instálase en Galiza onde comeza o seu labor
como escritor, é alí onde xurden os seus primeros libros “Orto” (1922), “Bogar”
(1922), “Kindergarten” (1923) e “Alcántara”. En Vigo destácase como redactor de
“Pueblo Gallego”. Foron famosas as polémicas xornalísticas co escritor tamén
arxentino-galego Amado Villar. Ambos os escritores disimulaban diariamente unha
dura polémica que apaixonaba aos lectores de Vigo. Amado Villar daquela
traballaba no “Faro de Vigo”, onde dirixía as páxinas literarias. O que non
sabían aqueles inxénuos lectores, que tanto Bernárdez como Amado Villar
compartían habitación de pensión e na mesma mesa de traballo planificaban os tan
famosos artigos de opinión. Eran anos xuvenís e ambos os amigos divertían
provocando ao debate entre os seus seguidores da prensa escrita.
Durante a súa residencia en Galiza (1922-1925) pasa longas tempadas en Madrid
onde frecuenta a tertulia literaria do Café “Maxim”, onde a figura estelar era
do Ramón de Valle-Inclán.
“Chegando eu a Vigo pouco tempo antes de emprender o regreso a Bos Aires, e
enteirado de que Don Ramón estaba coa súa familia na Pobra do Caramiñal,
resolvín pasar un par de días na pintoresca e non moi distante vila da ría
arousana, non só para despedirme do meu mestre e amigo, senón tamén, e acaso
principalmente, para contemplar a miña visión dun home apenas entrevisto ata
entón fóra do seu admirable obra”.
Na súa xuventude, Francisco Luís Bernárdez foi un dos últimos directores da
revista de renovación literaria ‘Proa’e un dos fundadores da ‘Revista Oral’,
dirixida por Alberto Hidalgo. Tamén foi colaborador na revista literaria ‘Martin
Fierro’.
O seu paso polo estado español, foi desde todos os aspectos un feito
transcendente, tanto desde o punto de vista humano como creativo. Durante as
súas primeiras viaxes participou activamente das vangardas do seu tempo,
formando parte do Ultraísmo, corrente literaria moi de boga por aquel entón.
Tamén mantivo unha estreita relación co poeta Ramón Cabanillas: “Foi cara 1922
cando eu o coñecin. Traballaba Cabanillas no Hotel-balneario de Mondariz; sendo
admiradísimo polos seus propietarios, os irmáns Peinadora; e eu, ocasionalmente
en Vigo, facía de redactor en “El Pueblo Gallego”. O poeta baixaba a miudo á
cidade, e alí víamonos, formando tertulia con Amado Villar, o pintor Maside,
Rafael Dieste, Amado Carballo, Roberto Blanco Torres e outros camaradas daqueles
inesquecibles días”.
Entre os amigos de Bernárdez en Galiza tamén podemos destacar a Luís Pimentel.
Para el terá tamén unha emotiva lembranza: “O seu verdadeiro destino poético
comezou a se cumprir o día en que, abandonando o uso dunha lingua recibida como
don cultural magnifico mais extraño, apreixouse con alma e vida ao idioma que
lle corría polas veas, a ese marabilloso verbo que despois de florecer como
ningún da Península na inigualada poesía de Martín Códax, de Bernal de Bonaval,
de Mendiño, de Airas Nunes, de Fernández Torneol e de tantos outros hóspedes
eternos dos cancioneiros portugalaicos, refuxiouse durante catro longos séculos
no escuro corazón dun pobo cheo de fe, para rexurdir finalmente nos beizos de
Rosalía de Castro, nos ollos de Eduardo Pondal, nos puños de Curros Enríquez”.
O seu paso por Galiza en plena mocidade, a súa estreita amizade coa
intelectualidade galega, fórono vencellando co pensamento galeguista,
converténdose nun férreo defensor do noso idioma. Seguramente a amizade con
Castelao, fará que a súa relación co galeguismo non sexa tan só sentimental,
senón que tamén intelectual e política.
“Tan dentro do meu corazón e tan ligado ás cousas e aos seres do meu sangue está
o nome de Rosalía, que non o podo escribir nin pronuncialo sen sentir conmovido
e removido ata o fondo o mundo confuso e lonxano das lembranzas familiares”.
En 1925 recibiu o Terceiro Premio do Concurso Literario da Municipalidade de Bos
Aires. E funda neses anos unha revista de curta existencia, “Libra”, en
colaboración co escritor arxentino Leopoldo Marechal. Francisco Luís Bernárdez
estaba asociado na corrente do Ultraismo, por ese motivo formou parte do
histórico grupo de “Florida” onde participaban figuras da proxección de Jorge
Luís Borges, Ricardo Guiraldes, Oliverio Girondo, Conrado Nalé Roxlo, Ricardo
Molinari, Raul Escalabrini Ortiz, Macedonio Fernández, Ulisis Petit de Murat,
Leopoldo Marechal, Raúl González Tuñón e Córdoba Inturburu, entre outros. O máis
importante grupo literario arxentino de todos os tempos tiña como medio propio
de expresión a Revista Literaria “Martin Fierro”, onde colaborou Bernárdez. Un
de tantos artigos estivo destinado ao seu amigo Castelao, con motivo da edición
dun libro deste.
Na súa mocidade relaciónase en Bos Aires co Grupo de Cursos de Cultura Católica.
Bernárdez participou do Grupo católico “Convivió” ao que asistían intelectuais e
artistas de pensamento cristián. Escribe na Revista “Criterio” e colabora no
xornal conservador “La Nación”.
A partir de 1930 entra nunha etapa pesimista, debido a unha enfermidade que o
fai gardar repouso durante longo tempo. En 1935 edita “El Buque”, extenso poema
de carácter intimista. Na cidade de Córdoba coñece a Laura, musa inspiradora dos
seus versos quen se converte na súa muller. Para Paco -como o chamaban os seus
amigos máis íntimos comeza unha das etapas máis fructíferas. Durante eses anos
edita: “Cielo de tierra” (1937); “La ciudad sin Laura” (1938); “Poemas
elementales” (1942); “Poemas de carne y hueso” e “El Ruiseñor” (1945); “Las
Estrellas” (1947); “El ángel de la guarda” (1949); “El Arca” (1953); “Poemas de
cada día” (1963). En prosa: “La copa de agua”, “La flor”. Realizou traduccións:
“Florilegio del cancionero Vaticano” (1952), “Himnos del breviario Romano”.
En relación á tematica galega publicou: “Discurso encol do Idioma Galego” publicado en 1953 por Edicións Galicia de Bos Aires. En 1954 editou un artigo na Revista “Criterio” co título de “El Idioma Prohibido”. Este tivo unha grande repercución, tanto na colectividade galega, como tamén entre a intelectualidade arxentina. Foi un alegato en defensa do noso idioma e unha auténtica exaltación da nosa cultura. Entre as partes máis salientables di: “Ninguén que coñeza medianamente a historia da cultura hispánica pode ignorar o moito que esta debe ao nobre e esforzado pobo galego. Desde o seu rincón do noroeste ibérico , alí onde as indomitas ondas cantábricas atopan espacio á súa furia na inmensidade do Mar Tenebroso, os celtas peninsulares (irmáns dos que en Irlanda, no país de Gales e no Finisterre francés seguen representando a unha das razas máis antigas do mundo) contribuíron decisivamente ao desenvolvemento espiritual da grande familia que España, Portugal e medio continente americano constitúen.. Infinita sería a lista de nomes e de obras que respaldan semellante aserción. Reducindo a copiosa nómina aos seus termos fundamentais, poderíase lembrar, por exemplo que Paulo Orosio (un dos pais da historia universal) e o papa San Dámaso, epigrafista ilustre, foron naturais de Galiza, e que no mesmo solar viron a loita homes como Frei Benito Jerónimo Feijóo e como Frei Martín Sarmiento, por non citar varóns da talla do médico e filósofo Francisco Sánchez, do cronista Sarmiento de Gamboa, do poeta Trillo y Figueroa, do humanista Frei Jerónimo Bernárdez e do xenial escultor Mateo, artista este último que séculos antes, chegou ao mundo esa pétrea marabilla coñecida co nome de Portico da Gloria, cifra e flor da catedral compostelá e de todo a arte española da súa época. Mais, con ser grandes, non foron estes altos seres os que encarnaron de xeito culminante o xenio do seu país. Para descubrir os supremos representantes da alma galaica é preciso internarse pola densa e fonda floresta dos Cancioneiros primitivos (o da Vaticana, o de Ajuda, o de Colocci-Brancutti), onde como as de Martín Códax, Mendiño, Pero da Ponte, Bolseyro, Gómez Chariño, Ayras Numes e Lópes de Ulloa deron fe coas súas trobas dun sentimento que se ha de mirar como o auspicioso mencer da lírica peninsular. No doce e recio idioma de Galiza chegaron ata as épicas terras da España medieval a luza e o aroma da mellor poesía de Provenza e de Italia, e no recio e doce idioma de Galiza (considerado durante séculos como lingua cosubstancial da maior mestría lírica) estenderon ao longo e ao ancho da Península, penetraron nos seus castelos e nos seus alcázares, e subindo ata os rexios solios, acharon na augusta pluma que redactou as sagradas “Cantigas” alfonsinas o instrumento da súa máis alta perfección. Centurias máis tarde, a vella linguaxe cobrou nova dignidade nas obras dunha lexión de creadores que Rosalía Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez encabezaron de xeito memorable, e que, crecendo sen cesar ata o presente, conta hoxe con personalidades tan sólidas como a do poeta Ramón Cabanillas e a do ensaista Ramón Otero Pedrayo, firmes peares dunha fe galeguista da que o máis ardente apóstolo foi ata hai moi poucos anos o grande debuxante e escritor Alfonso Rodríguez Castelao...”.
Despois desta excepcional introducción á rica historia
cultural de Galiza Bernárdez con afiada pluma denuncia ao réxime franquista:
“Cando se piensa en todo o antedito, e cando se engade aos ilustres nomes
precintados os non menos insignes de Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán,
Nicomedes Pastor Díaz, Ramón del Valle-Inclán, Julio Camba e tantos outros
galegos que na súa lingua natal ou na de Castela enriqueceron incalculablemente,
de acervo cultural de España, resulta verdadeiramente inexplicable, de puro
absurdo, que o goberno do xeneral Franco, é dicir, dun fillo de Galiza, persiga
de xeito tan implacable ao pobo das catro provincias do noroeste hispánico no
que el ten de máis espiritual, ou sexa no seu idioma. Porque a triste realidade
é que cada vez son maiores as trabas postas polo réxime franquista ao libre
cultivo da lingua de Rosalía, e que á hora actual non se permite no chan galaico
o uso de ela senón en escala estrictamente doméstica. Quere isto dicir que, se
está máis ou menos tolerado o emprego do galego falado, hai obstáculos
prácticamente para a franca difusión do galego escrito”. “Desde os albores do
imperialismo fernandisabelino ata pouco antes do crepúsculo colonial da España
borbónica, aa voz de Galicia viviu refuxiada, efectivamente, no corazón e nos
beizos do pobo, para ser devolta, cara ás últimas décadas decimonónicas, ás
plumas de quen reanudaron brilantemente unha tradición literaria interrompida
durante catrocentos anos.” Bernárdez concluíu o contundente artigo sinalando: “
Por obra dun poder político que non se cansa de invocar o valor da cultura de
Occidente, un dos idiomas máis fermosos e máis antigos do extremo meridional de
Europa sofre incomprensible persecución. Mais de moi pouco valerá ela, sen
dúbida. Porque o que resistiu durante catro largos séculos o encono e a
sensibilidade da forza cesarista máis pugnaz que a Península coñeceu, ben poderá
sobrepoñerse agora á hipócrita saña dun réxime do que a súa subsistencia no
cadro das potencias occidentais non depende precisamente da vontade de quen lle
dá nome. Como toda linguaxe, a de Galiza é un ser vivo e palpitante que, ao
longo, ha de triunfar inequívocamente. Porque o pobo (inexpugnable baluarte de
toda tradición xenuina) o garda amorosamente no máis puro do seu seo inmortal,
para que alí alente co seu vigor de sempre ata o día en que sexa posible
entregalo de novo a quen o fixaran en obras dignas de continuar unha liña
literaria e artística que comezou hai case un milenio. De todos os xeitos, non
está de máis sinalar aquí o noso repudio a algo que constitúe un agravio a
cantos integramos a familia cultural hispanoamericana, debedora en boa medida do
grande e nobre espírito galego”.
Tamén publicou en idioma galego: “Lembranzas de Castelao, Pimentel, Cabanillas,
Rosalia”, e “Florilegio del Cancionero de Vaticana”. Todas estas semblanzas
están recollidas no seu libro “Mundo de las Españas” editada por Losada en 1967.
Foi tamén membro da Academia Arxentina de Letras e en 1944 recibiu o Premio
Nacional de Poesía.
Francisco Luís Bernárdez falecía na Arxentina en 1978. Coa súa morte íase un dos
máis importantes intelectuais galego–arxentino. Galiza débelle un eterno
recoñecemento pola defensa apaixonada que fixo da súa cultura, da súa historia e
a súa lingua.
Autor: Lois Pérez Leira
FONTE: Enciclopedia da Emigración Galega, www.cigmigracion.com
SONETO
Si para recobrar lo recobrado
debí perder primero lo perdido.
Si para conseguir lo conseguido
tuve que soportar lo soportado.
Si para estar ahora enamorado
fue menester haber estado herido,
tengo por bien sufrido lo sufrido
tengo por bien llorado lo llorado.
Porque después de todo he comprendido
que no se goza bien de lo gozado
sino después de haberlo padecido.
Porque después de todo he comprendido
que lo que el árbol tiene de florido
vive de lo que tiene sepultado.
www.galespa.com.ar