

|
38- Xosé Luis Méndez Ferrín |
01/05/09 |

Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 7 de setembro de 1938) é un político e escritor galego amplamente recoñecido como o máis importante e representativo da literatura galega contemporánea.
Vida
Na súa infancia reside en Ourense con estancias en Vilanova dos Infantes,
Celanova. Na cidade de Ourense fai o primeiro curso de Bacharelato e trasládase
despois (1949) coa súa familia a Pontevedra. É alí onde remata os estudos de
grao medio. Na Pontevedra dos anos 50 vai tomando conciencia da realidade
lingüística e cultural e do papel que o galeguismo de preguerra, coa silenciada
figura de Castelao ao fondo, desempeñara na reconstrución nacional.
En 1955 el e a súa familia trasládanse a Vigo. Neste momento comeza a estudar
Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí toma contacto
co galeguismo cultural nucleado na Editorial Galaxia en torno á figura de Ramón
Piñeiro, pero non tardará en reclamar unha nova articulación da oposición
política ao franquismo e do propio nacionalismo, o que provocará a súa expulsión,
xunto con outros mozos, do Consello da Mocedade. En 1956 foi primeiro premio de
poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 vai a Madrid onde tres anos
despois licénciase en Filoloxía Románica. Nesta cidade mantén estreito contacto
cos focos galeguistas e de esquerda alí ubicados. Así, en 1958, créase o grupo
Brais Pinto. O grupo constituíuse en torno á editorial do mesmo nome. En 1961
segue un curso de cultura inglesa na Universidade de Oxford. Entre os anos 1963
e 1965 realiza diversas viaxes por Europa. Tras facer o servizo militar en
Canarias, pasa dous anos (1962 e 1964) en Lugo exercendo de profesor no Colexio
Fingoi até que en 1965 obtén a Cátedra de Lingua e literatura Española do
Instituto Santa Irene de Vigo instalándose finalmente nesa cidade.
Debido á súa actividade política foi procesado en tres ocasións -a última, cando
xa estaban en vigor as institucións democráticas españolas-, sufrindo torturas e
varios ingresos no cárcere.
Recentemente xubilou e retirouse do seu posto de profesor de literatura no
Instituto Santa Irene. Tamén é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a
revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, que ten marcado de xeito notábel
na última década o devir da nosa cultura coa difusión de problemas e
investigacións sobre cuestións diversas con aproximacións interdisciplinares e
baixo unha dupla perspectiva nacional e universal. Ferrín é membro da Real
Academia Galega e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. É Doutor en
Filoloxía.
Xosé Luís Méndez Ferrín foi proposto ó Premio Nobel de Literatura no ano 1999
pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e vai ser proposto outra vez en
breve. Foi galardoado con moitos premios coma o Premio da Crítica, Premio da
Crítica Española, Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez ou o
Premio Eixo Atlántico. No 2008 recibiu o Premio Nacional de Literatura[1], que
integra os Premios Nacionais da Cultura Galega.
Actividade política
Xa en 1958 forma parte do grupo plástico-literario Brais Pinto, de tendencia
nacionalista e moi influído pola estética beat. Nas súas viaxes por Francia e
Inglaterra toma contacto co marxismo, un feito transcendental para a súa
biografía mais tamén para a evolución do nacionalismo galego na segunda metade
do século XX. En sintonía con exiliados coma Luís Soto, Méndez Ferrín xulgará
única saída posible para a Galicia contemporánea a fusión entre galeguismo
radical e marxismo-leninismo, consonte os movementos de liberación nacional que
triunfaban en Cuba, Vietnam ou Alxeria. Este proceso ideolóxico culminará, en
1964, na creación da Unión do Povo Galego. Debido á súa actividade política,
Ferrín foi acusado de propaganda ilegal en 1967 e estivo detido na prisión do
Príncipe de Vigo. En 1968 foi procesado por rebelión militar pero a causa
finalmente foi sobreseída. En 1969, durante o estado de excepción, volve ser
detido, xulgado e condenado a dous anos de cárcere por propaganda ilegal, dos
que cumpriu parte en diversos penais. En 1972, debido ás folgas de maio e
setembro en Vigo, houbo contra el unha orde de busca e captura o que lle obrigou
a pasar á clandestinidade. En 1977 participa na formación da Unión do Povo
Galego-liña proletaria, que se convertirá en 1978 no Partido Galego do
Proletariado, e en 1979 na Organización de Liberación Nacional Galicia Ceibe. En
1980 é detido baixo a acusación de tenza de armas, pasou tres meses no cárcere
de Segovia antes de ser posto en liberdade, xulgado pola Audiencia Nacional
quedou absolto. Na actualidade sostén iniciativas políticas e sociais como as
Redes Escarlata e é membro destacado da organización política FPG (Frente
Popular Galega).
Estilo literario
Narrativa
Toda a narrativa de Ferrín réxese, en xeral, por uns mesmos principios que lle
conferen certa unidade: no transcorrer da mesma vanse repetindo temas,
personaxes, espazos e técnicas narrativas. Asemade toda ela liga coa tradición
literaria galega e coa literatura universal do século XX. As principais
características son:
Preocupación crítica e revolucionaria polos problemas de Galiza.
Intertextualidade: repítense personaxes e espazos, e incorpóranse tamén outros
pertencentes a outras obras literarias de todos os tempos.
Flutuación entre o real e o ficticio.
Recorrencia ó mundo onírico, ás veces difícil de distinguir do real.
Presenza do misterioso, do inexplicable, e predominio da violencia e a morte.
Creación de espazos literarios (Tagen Ata, Terra Ancha...), e abundancia de
espazos pechados.
Nas tres primeiras obras as personaxes son antiheroes, mentres que a partires de
Retorno a Tagen Ata aparecen con frecuencia o heroe revolucionario e os seus
antagonistas: o traidor e o inimigo.
Ás veces as personaxes sofren metamorfoses e transfórmanse.
Desenlaces sorprendentes e paradoxais.
Obras publicadas
Poesía
Voce na néboa, 1957.
Antoloxía Popular, 1972, co pseudónimo de Heriberto Bens.
Sirventés pola destrucción de Occitania, 1975.
Con pólvora e magnolias, 1977. Premio da Crítica.
Poesía enteira de Heriberto Bens, 1980.
O fin dun canto, 1982.
Erótica, 1992.
Estirpe, 1994. Premio Losada Diéguez.
O outro, 2002.
Era na selva de Esm, 2004.
Contra Maquieiro, 2005. Premio Losada Diéguez.
Narrativa
Percival e outras historias, 1958.
O crepúsculo e as formigas, 1961.
Arrabaldo do norte, 1964.
Retorno a Tagen Ata, 1971.
Elipsis e outras sombras, 1974.
Antón e os inocentes, 1976.
Crónica de nós, 1980.
Amor de Artur, 1982.
Arnoia, Arnoia, 1985.
Bretaña Esmeraldina, 1987. Premio Crítica Galicia.
Arraianos, 1991. Premio Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da
Crítica Española.
No ventre do silencio, 1999. Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e
portuguesa “Carlos Blanco”.
Outros xéneros
O Cancioneiro de Pero Meogo, 1966.
De Pondal a Novoneyra, 1984.
Conversas con Xosé Luis Méndez Ferrín, 2006.
Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos. 2007.
Premios
Premio Celanova, Casa dos Poetas (1985).
Premio Trasalba en 2001.
Premio Nacional de Literatura en 2008.

http://gl.wikipedia.org/wiki/Xos%C3%A9_Lu%C3%ADs_M%C3%A9ndez_Ferr%C3%ADn
ILLA
Estreitarei a tua cinta leve
con medo de perder cousas de vidro
Valeiradas estancias de crepúsculo
infernan vermellóns rubíns de escuma
e toda estrelecente rubra prata
convócame a encarnada cuncha lisa
Esta illa de pedra sobre a lámina
do mar de Lapamán en quedo intre
detén o cor cesura de infinito
ou estantía suspensión de tránsitos
Buguinas incendiadas de silenzo
prorrompen en estrépito calado
A onda no reventa que está inmóvil
detida no proceso de apreixarte
Moimento de sí mesmo o sol deténse
e o seu fulxir de fogo que alapea
fíxase en brasa ou moeda estática
Ficou queda a gavota a dorna absorta
Naufragou no meu verso tanto instante
Porque hei de rachar este ar de mármores
cinguirei o teu van e nun aombro
de carnes todo voltará a ser móvil
De O fin dun canto
www.galespa.com.ar