

|
35- Roberto Blanco Torres (Dias das Letras Galegas - 1999) |
01/05/09 |

Roberto Blanco Torres
Roberto Blanco Torres (Cuntis, 18 de marzo de 1891 —
Entrimo, 3 de outubro de 1936) foi un xornalista e poeta galego. Deu os
primeiros pasos na poesía da man das vangardas artísticas. A súa obra poética é
cualificada polos críticos como dunha grande beleza e intensidade expresiva.
Outra das facetas deste home de letras é a de xornalista. O seu traballo nos
medios impresos foi moi extenso e variado. A sinatura de Roberto Blanco Torres
nas columnas de opinión caracterizou practicamente unha época xornalística.
Ademais de ser colaborador asiduo da prensa galega dirixiu varios xornais. As
súas columnas desprenden o talante combativo que caracteriza toda a súa obra.
Dende Cuntis, a súa vila natal, emigrou a Cuba. Este desterro condicionou a súa
personalidade, que se foi forxando pouco a pouco no transcorrer dos anos.
Comprometido co seu tempo, evolucionou politicamente dende o agrarismo ata o
galeguismo.
Á súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.
Biografía
O menor de nove irmáns dun sacerdote dispensado, seu pai
deulle unha sólida cultura clásica, seguindo os pasos dos seus irmáns maiores en
1906 emigrou a Cuba, alí comeza a colaborar na prensa da comunidade galega, para
o que emprega o pseudónimo de Fray Roblanto, o trato con Antón Villar Ponte e
Ramón Cabanillas foron decisivos para a súa traxectoria ideolóxica.
O semanario Follas Novas da Habana vai ser a primeira publicación que acepte os
seus artigos en setembro de 1907. Tamén colaborou con Santos e Meigas, Suevia e
Galicia.
En 1910 aparece o seu primeiro artigo na prensa galega, concretamente na revista
Vida Gallega. No mes de decembro de 1911 dirixe a revista La Alborada e dende
agosto de 1913 La Tierra Gallega, dende onde ataca a algúns dos administradores
do Centro Gallego de La Habana, ao tempo que colabora na prensa cubana, en
especial no Diario de la Marina e El Comercio.
A fins de 1916 regresa a Galicia, establécese na Coruña, participa nas
Irmandades da Fala e a comezos de abril de 1917 publica o seu primeiro artigo en
A Nosa Terra, participa na I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo en decembro
de 1918.
En 1920 faise cargo da dirección de El Correo Gallego de Ferrol, en 1921 pasa a
dirixir La Zarpa en Ourense ata 1923 no que é redactor xefe de Galicia. Diario
de Vigo. En 1926 casa con Xulia Sánchez Novoa e durante uns meses de 1927 é o
redactor xefe de El Pueblo Gallego.
En 1929 publica Orballo da media noite, colección de 31 poemas, nos que amosa o
coñecemento dos recursos da poesía vangardista e futurista, e en 1930 sae do
prelo De esto y de lo otro, unha escolma de 38 artigos xornalísticos. Participou
na creación da Asociación Galega de Escritores (1930).
Blanco Torres foi membro do comité executivo da Federación Republicana Gallega e
en marzo de 1931 asume a dirección de La República de Ourense, ao tempo que
comeza a desilusionarse coa actuación do seu grupo político na consecución da
autonomía para Galicia, aínda así acepta o cargo de gobernador civil de Palencia
entre o 29 de decembro de 1931 e o 16 de xuño de 1932. En 1935 dirixe El País de
Pontevedra, e dende maio de 1936 é o xefe do gabinete de prensa do Ministerio de
Gobernación, participa activamente na campaña para a aprobación do estatuto de
autonomía de Galicia.
A sublevación militar do 18 de xullo de 1936 sorprende a Blanco Torres na aldea
de Amido, no concello da Peroxa, na casa familiar da súa muller, detido en
setembro foi levado á prisión de Ourense, e o 3 de outubro de 1936 foi paseado
polos falanxistas que o fusilan no concello de Entrimo.
A partir de 1908, Roberto Blanco Torres comeza o seu labor xornalístico, escribindo na prensa habaneira baixo o seudónimo de "Fray Roblanto".

http://gl.wikipedia.org/wiki/Roberto_Blanco_Torres
A INIQUIDADE
Como laboura a abella
zugando a mel pró alleo,
como na ovella infeliz
medra a lan pra istrano leito,
e o boi, xunguido ó arado
perpetúa o seu trafego,
arrecadando pró dono
o pan que ofrecen os eidos,
así traballan de cote
–parias de tódolos tempos–
os exércitos dos pobos,
os soldados verdadeiros.
Mentras na chouza indigente
rube unha oración ó ceo,
xuntando co esforzo a fe
nun porvir máis farturento,
e o brazo do proletario
brega sin cesar aeito,
os apostados no mundo
(eu non sei por que decreto)
pra irlles zugando o sudore
que outros van botando arreo,
non teñen máis inquedanza
que soster seus privilexos.
Defenden a lei vigente
que lles ampara o dereito
á folganza i a sumire
o sangue do pobo enteco.
Defenden a monarquía
–anacrónico esperpento–
porque trai de longas épocas,
da lobregueza dos tempos,
unha tradición de aldraxes
e unha historia de atropellos.
Defenden a igrexa porque,
pervertidos os conceutos
–da mesma sorte que as almas,
secas diante o misterio–
da relixión fan peldaño
dos apetitos noxentos,
e coidan que o cristianismo
naceu pra meterlles medo
ós que arelando justicia
van de cabeza ó inferno
si se negan a ser carne
de cañón dos fariseos.
Defenden a aristocracia
(unha caterva de necios)
porque tódolos parásitos
se entenden entre eles mesmos.
Defenden a autoridade
porque nela ten sustento
a transgresión que os validos
fan da lei e do dereito.
¡E malia quen turbar ouse
o orde dos cimenterios!
www.galespa.com.ar