29- Ramón Piñeiro López

30/04/09

Ramón Piñeiro López

(Armea de Abaixo, Lama, Láncara, 31 de maio de 1915 - Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1990)

Foi un escritor, filósofo, ensaísta e político galego.


Biografía

Foi o terceiro fillo de Salvador Piñeiro García e Vicenta López Fernández. Con nove anos foi vivir a Lugo, onde estudou o bacharelato para regresar despois a Armea e máis tarde instalarse en Sarria, en 1931, onde traballou como contable na ferretería dun amigo do pai. Ao pouco proclamouse a República e, no transcurso da campaña electoral, Piñeiro asistiu nesta localidade a un mitin que deron Julio Sigüenza, Lois Peña Novo e Ánxel Fole, e o que alí escoita esperta o seu sentimento galeguista e o seu interese pola cultura e a política galegas.

En 1932, de novo en Lugo para estudar o bacharelato superior, participou na fundación das mocidades do Partido Galeguista xunto outros compañeiros do seu Instituro. Pronto foi nomeado secretario de cultura. Alí coñeceu a Ramón Otero Pedrayo[1], a raíz dunha conferencia organizada polos alumnos do instituto, e, en 1933, a outros persoeiros do galeguismo político (Castelao, Bóveda, Fole, Pimentel e outros).

Desde os seus primeiros momentos nas mocedades galeguistas destaca o seu intenso labor político. En 1935 participou no mitin das arengas, celebrado na praza da Quintana (Santiago de Compostela) o 25 de xullo, con Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo, Paz Andrade, Suárez Picallo, entre outros. En 1936, con 21 anos, resulta elixido secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, organizado polo Partido Galeguista.

Ante o alzamento militar de xullo de 1936, o Gobernador Civil de Lugo, García Núñez, organizou unha comisión de partidos políticos en defensa da República, comisión na que Piñeiro e Ánxel Fole representaban o Partido Galeguista. A Garda Civil non tarda en ocupar o edificio, o 20 de xullo, para deter ao Gobernador e aos que o acompañaban. Piñeiro logra escapar, simulando ser un simple funcionario, e remata queimando as fichas dos militantes do partido galeguista[2]. En agosto, avisáronlle de que fora denunciado pola súa militancia política e por posuír armas, e marcha a refuxiarse a Armea. Cando volve a Lugo comproba que se manteñen as denuncias contra el e decide seguir o consello dos seus amigos de incorporarse ó exército e loitar na guerra civil no bando nacional, na fronte de Aragón. Durante a súa estancia na fronte aínda tivo que soportar novas denuncias contra el.

Rematada a guerra civil, Piñeiro regresa a Galicia e entra en contacto cos antigos compañeiros do partido que aínda quedaban vivos ou non fuxiran ó exilio, como Xaime Illa Couto ou Marino Dónega, cos que comeza a plantexar a reorganización do Partido Galeguista na clandestinidade. Máis adiante, fala con Servando Gómez-Aller de la Vallina, Manuel Gómez Roman, Ramón de Valenzuela e Fernández del Riego, comprobando que cada un tiña unha forma diferente de entender esa reorganización. Ó final, deses contactos nace un Comité Executivo no que se integran Gómez Román, Plácido Castro, del Riego, Otero Pedrayo e o mesmo Ramón Piñeiro, como Secretario Político.

Á vez, Piñeiro comeza a estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, pero en 1942 traslada a matrícula á Universidade de Madrid. En calquera caso, nunca terminará a carreira pero a nova situación permítelle contactar con outros galeguistas que viñan traballando desde Madrid: Fermín Penzol, Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Evaristo Mosquera e outros.

Como representante do Partido Galeguista no interior, reúnese e negocia con outros partidos e cos galeguistas da diáspora, entrando en contacto co resto da oposición ao franquismo en Galicia e cos nacionalistas cataláns e vascos (especialmente con Koldo Mitxelena) para asegurar a presenza galega en todos os foros pensando nunha caída do réxime franquista tras a vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial, esperanza fanada polo apoio internacional a unha restauración monárquica[3].

Foi o representante do galeguismo nas negociacións co goberno republicano de Giral no exilio, en París, a comezos de 1946. Se neste Goberno estaban representados os cataláns, con Nicolau D'Olwer, e os vascos, con Manuel de Irujo, os galeguistas debían ter tamén o seu representante, cargo para o que propuxeron a Castelao, aínda que Portela Valladares contase con máis apoios, entre eles os do propio Giral e o do presidente vasco, José Antonio Aguirre. Castelao escribe o seguinte a Portela Valladares:

“ Seipa, meu querido don Manuel, por si ainda non chegou o seu coñecimento, que arestora está en París un representante de tódalas forzas orgaizadas no interior de Galiza, que vai ahí para demandar un posto para o noso país no Goberno Giral. Trátase dun mozo galeguista de moito valer e cree que a súa xestión non será desprezada —(Castelao, 21.02.1946). ”

Aínda que ao final se conseguíu o nomeamento de Castelao como Ministro, o rexeitamento incial de Giral e, sobre todo, o proxecto do goberno no exilio para a restauración da República, totalmente alleo á realidade política nese momento no interior do país, vía que Piñeiro considera fracasada de antemán, fai que decida regresar inmediatamente a España a buscar outras vías para a reconstrución democrática. Esta decisión contraría a Castelao e sinala o comezo do seu distanciamento.

“ Pero eu esperaba que Santiago [4] agardase por min en París, para representarme provisionalmente nas deliberacións do Consello de Ministros. Deste modo, ao chegar eu alí veríamos o que compría facer, pois eu din o meu nome, non somentes por indicación de Santiago senón porque sei que podo prestar un gran servicio nos primeiros tempos, orgaizando ... a unión de todol-os galegos do mundo , moito mellor que ningún outro. A saída repentina de Santiago tronzou as ilusións con que eu aceptei o cárrego. — (Castelao, carta aos galeguistas do interior, 31.03.1946)”

Ao regreso de París, o 9 de abril de 1946, foi arrestado cando celebraba unha reunión clandestina nunha cafetería madrileña (o Café Pidoux, na Gran Vía), con representantes da Alianza Nacional de Forzas Democráticas. Como consecuencia desta detención, tamén foron detidos os irmáns Cesáreo e Camilo Saco, así como Koldo Mitxelena, do PNV. Permaneceu tres anos na cadea (Alcalá de Henares, Ocaña e Yeserías), a pesar de que fora condeado a seis, mantendo numerosos contactos con militantes de diversos partidos antifranquistas.

Sae do cárcere en marzo de 1949 e, no mesmo ano, casa con Isabel López, en Xixón, establecéndose en Santiago. Ó pouco fixa a residencia nun piso da rúa de Xelmírez que lle cede o seu amigo o doutor García Sabell, onde vivirá o resto da súa vida.

Naqueles anos a situación de Franco e o seu goberno fronte a Francia, Inglaterra ou os Estados Unidos cambiara sensiblemente. A restauración da república era xa impensable e Franco deixara ben claro que tampouco admitía a restauración monárquica. Unha vez que lle queda claro que os países aliados non ían axudar á oposición española nos seus intentos de derroca-lo réxime franquista, Piñeiro opta pola actividade cultural fronte á loita armada e política, liña esta que defendían os galeguistas do exilio (partidarios da guerrilla), radicados sobre todo en Arxentina (onde Castelao falecera en 1950), antifranquistas e republicanos, así como de moitos galeguistas «do interior». Esta opción non foi comprendida por numerosos galeguistas e Piñeiro foi moi criticado. O obxectivo que buscaba era máis a galeguización da sociedade, fornecer ás xeneracións novas do apego á cultura galega para preparalos con vistas á transición democrática, traballar para que os novos universitarios se imbuísen do galeguismo independentemente da súa ideoloxía política ou postura artística.

“ Tamén pensaba que para que Galicia recuperase a súa maltratada condición, tiña que recuperar antes a súa cultura porque nela se se acubillaba, durmindo, a nosa conciencia. [...] Todo semellaba indicar que Piñeiro se propuña máis galeguizar a política que politizar o galeguismo —Xosé Luís Allué ”

Fronte a nova actitude que ían adoptar Ramón Piñeiro e outros galeguistas do interior, xorden duras críticas dos galeguistas no exilio, representados por Castelao como presidente do Consello de Galiza. Estes últimos defendían a tese da república como única saída política, mentres que os primeiros (xunto aos nacionalistas vascos e cataláns e mailos socialistas) argüían que a forma concreta do futuro réxime importaba moito menos que a recuperación democrática. A maiores, tampouco aceptaban unha dirección no exilio e buscaban, pola contra, que a toma de decisións se orixinase no interior de Galicia.

En resumo, Piñeiro vía utópica a formación dun partido galeguista na situación galega actual. Se xa fora un partido minoritario cando as circunstancias eran favorables, e nin sequera conseguira manter a unidade interna, moitas menos posibilidades ía ter baixo a ditadura. Loitar nesta dirección parecíalle un fracaso seguro. Así foi xurdindo a idea da autodisolución do Partido Galeguista e, en 1950, a fundación da Editorial Galaxia: o 25 de xullo de 1950 Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto acordan en Santiago crear a Editorial. Piñeiro estaba en Santander, operándose de cataratas, pero foi nomeado o primeiro director literario. Coa editorial Galaxia, estes homes buscaban un camiño para dar cobertura legal ao galeguismo e aos galeguistas e, en pleno franquismo, comezou a publicar libros en galego e sobre asuntos relacionados con Galicia, á vez que servía de cauce de participación a moitos galegos que, sen querer "meterse en política" podían, así, axudar á expansión da lingua e cultura galegas. Foron aparecendo, deste xeito, textos básicos como a Historia da literatura galega, de del Riego; Historia de Galicia, de Risco ou a Gramática elemental del gallego común, de Carballo Calero. E non só foron textos literarios senón que tamén se abrían a outras áreas e así, un par de anos máis tarde, Galaxia publica a Revista de Economía de Galicia, dirixida por Illa Couto e onde comeza a analizarse o desenvolvemento económico de Galicia. Na mesma liña de atraer as novas xeracións, Galaxia tamén crea a colección Illa Nova [5] co obxectivo de editar obras dos escritores de despois da guerra.

No transcurso do seu labor de promoción e difusión culturais participa en diferentes tertulias con persoeiros da talla de Otero Pedrayo, Méndez Ferrín, Franco Grande, Bouza Brey, Del Riego e tantos outros. Pero moito máis coñecida é a súa atención case diaria a mozos e estudantes que acudían ó seu domicilio, e a quen Piñeiro dirixía e estimulaba nesas afamadas conversas ó redor da súa mesa camilla. Moitos dos que hoxe conforman as elites culturais e políticas da Galicia do século XXI foron escoitados e aconsellados alí.

“ Durante anos, polo piso de Ramón Piñeiro ... desfilou unha grande cantidade de xente, especialmente xoves universitarios, sobre os cales exercía un fondo maxisterio espiritual. Deste xeito puido desenvolver en parte a vocación docente que non puidera cumprir na Universidade, ó ve-la súa carreira interrompida polos anos pasados no cárcere. —Carlos Casares ”

Piñeiro dirixiu a editorial Galaxia e traballou nela até 1966. Alí publicou en 1953, xunto con outros autores, A Saudade, ensaios. En 1966 trasládase a Estados Unidos, como profesor invitado da Universidade de Middlebury, en Vermont, onde impartiu cursos de verán sobre o pensamento español, entre esa data e 1970.

O 23 de agosto de 1963, no despacho de Sebastián Martínez Risco, participou na fundación do Partido Socialista Galego, xunto a persoeiros como Salvador García Bodaño, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Cesáreo Saco ou Manuel Caamaño. Como era de esperar, non tódolos galeguistas ían estar de acordo con isto e xorden, sobre todo nos sectores máis novos, discrepancias fronte ó que dan en chamar piñeirismo. Así nace, por exemplo, a Unión do Pobo Galego, en 1964.

En 1963, e coa intervención tamén de Piñeiro, nace en Vigo a Fundación Penzol. Tamén aparece neste tempo a revista Grial, que dirixe xunto a Francisco Fernández del Riego.

O 25 de novembro de 1967 ingresa na Real Academia Galega, co discurso "A lingoaxe i as lingoas", que foi respondido por García-Sabell, membro tamén da «Xeración Galaxia». O seu discurso baseábase no carácter da lingua galega como signo de identidade do pobo.

En 1983 foi elixido primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, cargo do que dimiteu en 1989 ó agrava-la súa enfermidade. Finalmente, a primeiros de 1990 morre a súa dona, Isabel López e, o 27 de agosto de 1990, morre el, a consecuencia dunha insuficiencia hepática.


O galeguismo de Piñeiro

Durante o tardofranquismo determinados ideólogos do galeguismo foron especialmente críticos con Ramón Piñeiro e co grupo representado por Galaxia, tratándoos de "conservadores". Exemplo disto foi Xosé Luís Méndez Ferrín, que na novela Retorno a Tagen Ata (1971) incluso chega a matar a Ulm Roan, o ideólogo do nacionalismo clásico e non revolucionario, que os seus lectores ben poderían identificar con Ramón Piñeiro (quen, pola súa parte, non tiña reparos en reseñar tal novela en Grial, a súa revista).

Outro exemplo foi o bulo que se fixo circular da suposta pertencia de Piñeiro á CIA norteamericana [6].

As pretensións políticas de Piñeiro tiñan como obxectivo que todos os líderes políticos galegos asumiran o galeguismo entre os seus obxectivos fundacionais. Baixo o grupo denominado Realidade Galega, fundado en 1970, influíu notablemente para acadar partidos homologables ós europeos (un de corte socialdemócrata e outro demócrata conservador). Proba desta postura política, foron os seus constantes contactos epistolares cos líderes culturais e políticos de todos os partidos que existían na clandestinidade galega, e aqueles que agromaban a comezos da democracia, tales como Xosé Manuel Beiras, Xaime Illa Couto ou Xerardo Fernández Albor, e que non deixaron de pasar pola xa famosa "mesa camilla".

Ante as primeiras eleccións democráticas, Piñeiro é un dos asinantes do "Manifesto dos 29", ademais do seu verdadeiro xestor, manifesto no que intelectuais galegos solicitaban ós partidos políticos que concorrían ás eleccións que, fose cal for o resultado e a representación acadada, loitasen pola defensa dos intereses de Galicia.

“ Coidamos que ese entendemento será posible si se limita a un pacto basado exclusivamente na defensa dos direitos do pobo galego [...] Un pacto galego no que os seus firmantes se comprometan a defender os direitos do noso pobo é posible e necesario. A defensa debería de se establecer en dous niveis: en primeiro lugar , defendendo a estrutura federal do Estado como fórmula idónea para que este poida asumir democráticamente a pluralidade da España real; en segundo lugar, e para o caso en que a fórmula federal non prosperase, a representación galega tería que reclamar para Galicia os mesmos direitos autonómicos que se lles reconocesen ás outras nacionalidades —(Manifesto dos 29, Marzal do 1977) ”

Tamén coordina e publica, en 1979, o chamado "Manifesto da aldraxe", no que intelectuais e políticos galegos protestaban ante a rebaixa de competencias que se propoñía para Galicia

Cando chega a democracia, Piñeiro, que nunca deixou de defender a postura do "galeguismo difuso" (isto era, "tinguir todos os partidos de galeguismo en vez de ter un único partido galeguista"), deu exemplo desta postura e formou parte do primeiro Parlamento Autonómico, entre 1981 e 1985, como deputado pola provincia da Coruña, como independente dentro das listas do PSdeG (Partido Socialista de Galicia-PSOE Partido Socialista Obrero Español), xunto con outras destacadas figuras da cultura galega como Alfredo Conde ou Benxamín Casal. Previamente foi candidato ó Senado por Lugo, pola Candidatura Democrática Galega, sen acadar o escano.

Da súa carreira política cómpre salientar o seu labor de ponente da primeira Lei de Normalización Lingüística de Galicia, da que foi un dos seus auténticos pais.


Obra


A obra escrita por Ramón Piñeiro non é abundante, centrada polo xeral na filosofía da "saudade". Publicou numerosos artigos en Galaxia, onde asinaba baixo o pseudónimo de Luís Veiga do Campo, así como colaboracións en obras colectivas e prólogos de libros.

A saudade en Rosalía (1952)
La saudade (1953)
Pra unha filosofía da saudade (1953)
A lingua, sangue do espíritu (1959)
A filosofía i o home (1963)
A lingoaxe i as língoas (1967)
Olladas no futuro (1974)
Lembrando a Castelao (1975)
Vicisitudes históricas da cultura galega (1975)
Filosofía da saudade (1984)
Castelao político (1986)
Cartas para os amigos (1992)
Galicia (1999)
Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000)
Da miña acordanza (2002)
A súa correspondencia publicouse en Cartas para os amigos (1992) e Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000).

Escribiu tamén as súas memorias "Da miña acordanza" (publicadas en 2002), coa colaboración de Carlos Casares, que completou as páxinas iniciais escritas polo propio Ramón Piñeiro coas transcricións das conversas que mantiveron. Ademais, foi tradutor ao galego de obras como Cancioeiro de poesía céltica (de Pokorny, en 1952) e Da esencia da verdade (de Heidegger, en 1956).


Homenaxes


En 1985 recibiu a Medalla Castelao.

O 11 de febreiro de 1993 o Presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, asina o decreto 25/1993 polo que se creaba o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, institución que por decreto 330/1997 pasou a denominarse, o 13 de novembro de 1997, como Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A Real Academia Galega decidiu o 5 de xullo de 2008 dedicarlle o Día das letras galegas do ano 2009.


http://gl.wikipedia.org/wiki/Ram%C3%B3n_Pi%C3%B1eiro_L%C3%B3pez