23- Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves  (Dias das Letras Galegas - 1995)

30/04/09

Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves
(Rianxo, 1899 - Santiago de Compostela, 1981)
 


Foi un escritor galego. Pertenceu á chamada Xeración do 22. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra Valdeira e Dos arquivos do Trasno, tentou de modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo.


Vida

Con quince anos matriculouse na Escola Normal de Compostela, mais interrompeu os seus estudios para viaxar a México, onde moraba un irmán seu. De regreso a Rianxo iniciou a súa relación coa literatura da man de Manuel Antonio. Ambos os dous entraron en contacto co federalismo e o nacionalismo a través de Vicente Risco.

Entre 1921 e 1923 debeu facer o servizo militar na guerra de Marrocos. De regreso á Galiza, rematou a carreira de xornalismo e colaborou en varios xornais de Vigo, como Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego. En 1926 recolleu oito relatos xa publicados en Dos arquivos do trasno. Coa súa lectura ingresou, en 1927, no Seminario de Estudos Galegos.

Dieste formou parte dunha nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Así, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor. Foi animador nas Misións Pedagóxicas, e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. O Alzamento Nacional sorprendeuno en Madrid traballando nas Misións Pedagóxicas.

Durante a Guerra Civil española de 1936 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos comunistas e foi un dos seus responsables da súa revista literaria, El Mono Azul, colaborou tamén na revista Nova Galiza. Foi nomeado director do Teatro Español formando unha compañía con actores en paro. Seguiu a retirada republicana a Valencia en novembro de 1936 onde participa na fundación da revista literaria Hora de España e Barcelona a fins de 1937 e recibe o encargo de Castelao de dirixir Nova Galiza, en 1939 ingresou no Exército do leste como comisario e participou na elaboración de El Combatiente del Este, finalmente exiliouse coa caída de Cataluña. Despois de breves estadías en Francia, Rotterdam e Uruguai, estableceuse en Bos Aires, onde traballou como director literario na Editora Atlántica. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge até 1952, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnolóxico de Estudios Superiores de Monterrei. En 1954 regresou a Bos Aires e á Editorial Atlántida, na que aparecereu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).


Monumento ao escritor na súa vila natal, RianxoEn 1961 regresou a Rianxo e, un ano despois, publicou en Galaxia unha reedición de Dos Arquivos do Trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e en 1970 ingresou na Real Academia Galega como membro de número co discurso "A vontade de estilo na fala popular". Colaborou en diversas publicacións e foi requirido para participar en conferencias, homenaxes e mesas redondas. As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza.

Poucos meses antes da súa morte apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego.

Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.


Obra


En galego

Dos arquivos do trasno (1926)
A fiestra valdeira (1927)
A vontade de estilo na fala popular (1975)
Viaxe e fin de don Frontán (publicado postumamente en 1982)
Antre a terra e o ceo


En castelán

Juan de Luz (1929)
Rojo farol amante (1933)
Quebranto de doña Luparia y otras farsas (1934)
La vieja piel del mundo (1936)
Promesa del viejo y la doncella (1938)
De cómo vino al mundo Félix Muriel (1942)
Historias e invenciones de Félix Muriel (1943)
Viaje, duelo y perdición (1945)
Luchas con el desconfiado (1948)
Nuevo tratado del paralelismo (1955)
Pequeña clave ortográfica (1956)
Diálogo de Manuel y David (1965)
¿Qué es un axioma? (1967)
Testamento geométrico (1975)
Viaje, duelo y perdición: tragedia, humorada y comedia (1979)
El alma y el espejo (1981)


http://gl.wikipedia.org/wiki/Rafael_Dieste


Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves

Rafael Dieste inclinouse desde moi novo polo engado da literatura e filosofía. Educado nos valores da cultura republicana comezou a despuntar axiña como escritor desexo renovar o sistema literario galego. Andando os anos trinta do século XX integrouse na cultura española ao ingresar nas Misións Pedagóxicas. Pasou a guerra civil nas trincheiras das milicias republicanas colaborando coa Alianza de Intelectuais Antifascistas. Logo dela comezou un longo exilio repartido entre Bos Aires, Cambridge e Monterrei, que durou ata 1961. Malia todos os inconvenientes, foi creando unha importante e sólida obra literaria, estruturada arredor da ética e da solidariedade humana, tanto en narrativa como en teatro, ensaio e poesía.

Neno nunha casa de adultos -o menor de sete irmáns ao que o maior lle levaba 23 anos- e de nai uruguaia, Rafael Dieste naceu en 1899 en Rianxo, a vila mariñeira na que tamén naceron Castelao e Manuel Antonio. Rematados os primeiros estudos en Rianxo matricúlase por libre en Maxisterio.

En 1917, tal vez debido a esa arela familiar de convivir coas dúas beiras do Atlántico, Rafael viaxa a Tampico (México) coa idea de vivir a emigración e axudar ao seu irmán Antonio no seu negocio, pero regresa a Galicia en menos dun ano pagándose a pasaxe co importe dun premio literario, convocado polo Casino Español de Zampico. De regreso reanuda os cursos de maxisterio, publica os seus primeiros contos na revista Galicia Nueva de Vilagarcía e na compostelá Cuentos Nuevos. En 1921 comeza en Santiago o servizo militar, pero a raíz do desastre de Annual destacaron o seu rexemento a África para participar na guerra colonial nas montañas do Rif.
Tampouco esta vez lle fixo caso a Manuel Antonio, que pleno de simpatía por Abd-el-Krim, o instaba a desertar, e dedicou os ratos libres a editar con Xosé Mª Brea Segade e Xesús Romero Suárez unha revista mecanografada en galego titulada Charamuscas.

Coa cartilla de licenza militar na man decide forxarse como escritor na cotidianidade xornalística. Así, en 1923 comeza a colaborar en Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego e foi secretario da Asociación da Presa de Vigo. Son os seus uns artigos de gran calidade a través dos que se expresa estética e ideoloxicamente como republicano e galeguista. Con algúns dos contos que viran a primeira luz nestes diarios, en 1926, pagándoa do seu peto sae a edición de Os arquivos do trasno, o mesmo ano no que saen Cousas de Castelao. En 1927, coa lectura de A Fiestra valdeira ingresa no Seminario de Estudos Galegos, participa na Festa da Prosa Galega, tamén do SEG, e publica A Fiestra Valdeira, considerada unha obra mestra no seu xénero. A primeira representación da Fiestra tivo lugar en Rianxo o 15 de decembro de 1935, nunha función dirixida polo propio autor e interpretada polo grupo teatral de mariñeiros, amas de casa e estudantes que alí funcionaba.

En 1930 decide marchar a Madrid para relacionarse cos cenáculos literarios, pero a súa plena integración na cultura española produciuse en 1932 ao ingresar nas Misións Pedagóxicas, inspiradas no pensamento educativo da Institución Libre de Enseñanza. Rafael era xefe de equipo das Misións e creou e dirixiu o Teatro Guiñol para o que escribiu e improvisou numerosas farsas. En Galicia celebrouse a misión máis longa, desde agosto a decembro de 1933, e en Malpica fixo Dieste a primeira actuación cos monicreques. En recompensa polo seu traballo nas Misións, a Junta de Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa de viaxe que fixo por Francia, Bélxica, Holanda e Italia para analizar as correntes teatrais máis novidosas.

O compromiso republicano do matrimonio Dieste-Muñoz perdurou durante toda a guerra civil a través do labor cultural realizado na zona republicana. Ao inicio mesmo da contenda subscribiron o manifesto fundacional da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura e o chamamento “aos intelectuais do mundo enteiro pola vitoria total do pobo”, dirixiu o Teatro Español e desenvolveu un papel xornalístico de primeira orde en El Mono Azul, El Buque Rojo, Hora de España e Nova Galiza. E xa entre Valencia e Barcelona Hora de España. Instalado en Barcelona en 1937, Dieste recibe o encargo de Castelao de dirixir Nova Galiza, revista na que firmou por primeira vez co pseudónimo Félix Muriel e que contén practicamente toda a súa obra bélica en galego. En 1939 ingresou na segunda liña do Exército do Leste como comisario e elaborou a folla para soldados El Combatiente del Este. Desmoronada a resistencia tivo que refuxiarse en Francia e iniciar a viaxe do exilio que, como un “columpio incesante”, os levou a Bos Aires, Londres, Cambridge, Monterrei e novamente Bos Aires.

En febreiro de 1939 Rafael Dieste, entre unha tormenta de vento, cruza a pé os Perineos nevados e foi recluído no campo de concentración de Saint-Cyprien. Pouco despois, embarca coa súa esposa no porto holandés de Rotterdam rumbo a Montevideo. En xullo inician a etapa arxentina do seu exilio. En Bos Aires os Dieste traballaron na editorial Atlántida e fixan o café Tortoni como lugar de reunión cos amigos, exiliados galegos na súa maioría, onde poñen en marcha proxectos culturais e editoriais moi importantes. Rafael, que por esta época escribía case exclusivamente en lingua española, colaborou con narrativa breve ou ensaio nas revistas, tanto galegas (De mar a mar, Correo Literario, Galicia, Resol), coma extragalegas (El Pensamiento Español, Argentina Libre, Alfar.

En 1948 os Dieste emprenden unha viaxe pola Europa asolada trala Segunda Guerra Mundial co encargo de facer un informe sobre a arte europea para o goberno uruguaio, pero entrementres aceptou o ofrecemento de desempeñar o lectorado de español na Universidade de Cambridge (1949-1952), onde pasou moitas horas escudriñando na biblioteca en busca de orientación nas súas investigacións xeométricas. En 1952 abandonan Inglaterra e instálase en Monterrei como profesor de Lingua e Literatura españolas. Dous anos máis tarde retornan a Bos Aires e reintégrase ao seu traballo na editorial Atlántida, participa na fundación da Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) e nas inquedanzas e proxectos que arredor de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo desembocan na creación do Laboratorio de Formas de Galicia. Pero cada vez con máis ansiedade, pola súa cabeza rola a angueira de retornar a Galicia. O cónsul Marcelo Fraga Iribarne xestionoulles o pasaporte e o 21 de agosto de 1961, tras máis de 20 anos itinerantes, desembarcan no porto de Vigo. O “columpio incesante” do exilio quedaba compensado pola satisfacción do regreso a Itaca, pero as miserias da vida cultural e política da Galicia daqueles anos ensimesmou máis aínda a Dieste e mantívose dignamente distante, fiel a si mesmo e ao seu sentido ético da vida. Unha das poucas concesión que fixo foi o ingreso como numerario da Real Academia Galega cun discurso sobre A vontade de estilo na fala popular (1971). Rafael Dieste morreu o 11 de outubro de 1981 e en 1995 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.


Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga

http://www.culturagalega.org