

| 18- Antón Tovar |
28/04/09 |
ANTÓN
TOVAR
Naceu no ano 1921 en Rairiz de Veiga, Ourense. Viviu alí un
tempo, e logo a súa familia trasladouse a cidade de Ourense. Iniciou a carreira
de Filosofía e Letras no ano 1940. Deixouna para entrar como novicio cos
xesuítas en Salamanca.
No ano 1942, deixa o noviciado, e nese mesmo ano gana unhas oposicións a
funcionario de Facenda.
Nos anos sesenta entraría no Partido Comunista. Por ese motivo, foi obrigado a
dimitir do seu posto de funcionario en 1967. Anos mais tarde, rexeu unha
librería ourensá.
Antón Tovar empezou a publicar poesía en castelán, mais pouco a pouco foi
derivando cara ó monolingüísmo galego. O seu primeiro libro na lingua galega é
"Arredores" (1962), mais no 1960 foi galardoado co primeiro e o terceiro premio
nos Xogos Florais de Guimaraes por dous poemas en galego que despois incluíu na
devandita obra.
Escribiu "Non" (1967), "0 vento no teu colo" (dentro de Poesía galega completa
1974), "Calados esconxuros" (1980), "Berros en voz baixa" (1990) e "A nada
destemida" (1991).
A súa cualificación como poeta é a de nostálxico, realista, desacougado
existencial. Tovar canta o home na súa tristeza , máis tamén na súa esperanza...
O 2 de decembro de 2001, tivo lugar , no seu pobo natal, unha homenaxe por ser
considerado un dos máis grandes poetas galegos vivos.
Cando eu morra
Os mortos campesinos teñen as sepulturas
con canciós de paxaros e niñeiros de estrelas
i á carón das suas silvas van as vacas marelas
e cántanlles os ventos as cantigas máis puras.
Os mortos campesinos érguense antre piñeiros
i ás súas covas xeadas cheas de soedade
ofércelle a paisaxe pano de caridade
feito de millo i auga de toxos e vieiros.
Os mortos aldeás devalan por atallos,
antre os centeos verdes, xunto a ríos mansiños,
con fachicos de estrelas e noitébregos niños
de gaitas que inda tecen os seus finos meigallos.
Cando chegue o meu día i o derradeiro viaxe,
enterráime na dorna dun adriño aldeán,
poñéime nela espido sin sudario -no chan-
que xa teño ún pra mín feito só de paisaxe.
Cando o meu corpo morra xunto á frol das toxeiras
seréi un acio máis tripado en gran vendima
polas patas dos bois, os bois da miña Limia,
nun lagar oceánico de longas carballeiras...
Antón Tovar
[Poesía galega completa.
Madrid: Akal, 1975]
www.galespa.com.ar