

| 10- Manuel Lugris Freire (Dias das Letras Galegas - 2006) |
27/04/09 |
Manuel
Lugrís Freire
Naceu en Sada en 1863 e con vinte anos emigrou a Cuba. Na
Habana foi elixido membro da xunta directiva do Centro Galego e fundou e dirixiu
o primeiro xornal americano redixido totalmente en galego: A gaita gallega
(1885-1889). Alí publicou o seu primeiro poemario (Soidades, 1894), prologado
por Curros Enríquez, e escribiu a súa primeira obra dramática: A costureira da
aldea. De volta á Galiza en 1896, instalouse na Coruña e proseguiu o cultivo da
literatura, editando en 1901 Noitebras.
Relacionado cos rexionalistas herculinos, Lugrís tomou parte en todas as
actividades galeguistas da altura. Así, foi o primeiro en utilizar nun mitin a
lingua galega e figurou entre os patrocinadores da Escola Rexional de
Declamación (1903), da que sería presidente. Desde este momento, a maior
preocupación de Lugrís foi a de fornecer de textos á nova entidade, todos eles
cunha forte carga reivindicativa e rompedores co costumismo imperante. Tras a
presentación da Escola cunha peza de Salinas, a totalidade dos espectáculos
realizados polo cadro contaron con títulos da súa autoría: A Ponte (1903), Minia
(1904) e Mareiras (1904). Alén de figurar como o primeiro escritor teatral en
utilizar a prosa, é o máximo representante do teatro social ou de tese.
Porén, Lugrís deixaría definitivamente o teatro e retomaría a creación poética.
Tamén asinou (co pseudónimo Asieumedre) numerosos relatos breves que serían
compilados en 1909 no volume Contos de Asieumedre e aínda publicaría unha
Gramática do idioma galego (1922).
En 1923 ingresou no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal. A
Real Academia nomeouno presidente en 1934, posto ao que renunciaría un ano máis
tarde por problemas de saúde. Nesa década, colaborou, así mesmo, na redacción do
anteproxecto do Estatuto de Autonomía.
Tras o conflito bélico, que provocou a persecución da actividade galeguista,
Manuel Lugrís morreu na Coruña en 1940.
OBRAS REALIZADAS:
Iniciouse literariamente na poesía. Na Habana publicou o seu primeiro libro de
poemas Soidades (1894). O seu segundo libro de versos Noitebras (1901) está
dedicado a súa defunta mujer Concepción Orta e Iglesias. En 1919, coma
suplemento do xornal El Noroeste, publica Versos de loita. Pero o seu mellor
libro poético foi Ardencias (1927), que está dedicado á xuventude galega. O seu
derradeiro libro poético, As Mariñas de Sada, foi publicado en 1928 e é un
homenaxe á sociedade de Sada e dos seus redores. A súa actividade teatral foi
moi importante, destacan obras coma A ponte (1903), Mareiras (1904), os dramas
Minia (1904) e Esclavitú (1906) e as comedias O pazo (1917) e Estadeíña (1919).
Tamén escribiu Contos de Aseumedre, que apareceron en varias publicacións
periódicas como A nosa Terra. A súa preocupación pola lingua galega levouno a
escribir Gramática do idioma galego publicada en 1922 cunha segunda edición en
1931.
Fonte: Biblioteca Virtual Galega
"XAN"
Si xa tiñas
N-os ollos as bagoíñas
Dispostas pra m'engañar,
Y-ô vertelas
Procatabas que con elas
Meu amor ibas pillár,
Pra de cote
Deixarme sobr'o gañote
A ilusion d'aquel querer,
¿A qué ferías
O meu peito con falsías?
¡Trasn'ou demo de muller!»
Fonte: Biblioteca Virtual Galega