08- Manuel Curros Enriquez  (Dias das Letras Galegas - 1967)

27/04/09

Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova, fillo dun escribano. Fuxido da casa paterna, emigrante temperán, estudou en Madrid e, dende esta cidade, participa, en 1877, no "Certamen Literario" de Ourense, obtendo varios premios. Tres anos despois publica "Aires da miña Terra", libro de poemas que acadou grande éxito, a pesares ou mesmo por mor da condena de que foi obxeto por parte das autoridades eclesiásticas. (Deste mesmo ano é, o segundo grande libro de Rosalía: Follas Novas).

Escribe cousas en castelán e cultiva o xornalismo nas máis importantes publicacións do momento.

No ano 88 edítase "O Divio Sainete", que tamén acadou moita sona, e en 1894 emigra Curros ás Américas, exercendo o xornalismo en Cuba. Fixo un viaxe a Galiza en 1904, e na Cruña foi coroado poeta, finando ó pouco na Habana. Os seus restos xacen na Cruña, donde foron popularmente recibidos.

Republicán e anticlerical, é Curros o poeta ceibe por excelencia, caso do tamén combativo Lamas ("Catecismo do labrego"), e máis o primeiro dunha serie de emigrantes ou exiliados esgrevios: Cabanillas, Basilio, Vilar Ponte, Castelao...

MANUEL CURROS ENRÍQUEZ... UNHA BREVE BIOGRAFÍA

Manuel Curros Enríquez, naceu en Celanova,( Ourense), no ano1851.Da súa infancia tan só levará un cariñoso recordo da súa nai e a idea de defende-la liberdade e opoñerse ó autoritarismo.. Ós 15 anos, non resistindo a situación do seu fogar no que un pai intransixente e déspota asoballaba a súa muller, fuxiu e viviu das axudas dalgúns familiares en Ourense, ata que puido trasladarse a Madrid onde xa vivían os seis irmáns, alí remata o bacharelato e comeza os estudios de dereito.

Pero o poeta que levaba dentro xurdía por riba das leis romanas e conseguiu publicar o seu primeiro poema en galego, "Cantiga" cando aínda era estudiante. Comezaba: "No xardín unha noite sentada, o refreixo dun branco luar...'', e seguía cunha letras que son moi coñecidas, xa que despois foi musicada e converteuse nun dos temas máis repetidos da canción tradicional galega.

Denantes de cumprir os 20 anos coñeceu a experiencia do exilio político pois tivo que saír de España, o que lle serviu para conectar cos movementos literarios franceses e alemáns e logo cunha experiencia inglesa ata que retornou a España, primeiro a casa de seu pai, por pouco tempo, e logo a Madrid onde traballou como xornalista.

En 1877 retornou a Galicia cun emprego na delegación de facenda de Ourense e alí participou nun concurso literario , o cal Curros gañou, presentando a dito certame as seguintes obras: "Unha voda en Einibó"; "O gueiteiro" e "A Virxe do Cristal".

Seguiu a escribir, publicando en 1880, "Aires da miña terra" unha das súas obras máis coñecidas, de tanta sona que en 1882 foi editada en castelán cun limiar de Vicente Blasco Ibáñez. Pero a obra tamén resultou escandalosa sobre todo para o clero e provocou que o bispo de Ourense enviara un oficio ó Gobernador Civil denunciando que no libro "se ataca e ridiculizan varios dogmas da relixión católica'', pedíndolle a prohibición da circulación e venda do devandito libro. Aínda máis, o propio bispo vetou canonicamente a súa lectura e conseguiu que Curros fora condenado por escándalo a unha pena de dous anos, catro meses e un día de prisión e multa de 250 pesetas, pero gracias a unha fianza librouse de ir ó cárcere, e logo na apelación ante a Audiencia Territorial da Coruña saíu absolto o día 11 de marzo de 1881 despois dun xuízo no que a sala estaba chea de persoas afíns ó poeta e ávidas de presencia-lo triunfo da xustiza. O máis curioso é que a difusión do proceso causou un efecto contrario e provocou un aumento na venda e lectura do libro; incluso nun xornal de Madrid se escribiu que era un feito insólito que "un libro de versos, publicado nun país non escolarizado e escrito no seu idioma, se esgotara en quince días''.

Anos despois publica a obra "O divino sainete", na cal fai unha crítica a diversos sectores da sociedade.

No ano 1894 marchou a Cuba, ó parecer por problemas como xornalista e familiares, e foi neste pais onde tomou partido a favor da independencia cubana. Na Habana dirixe un periódico, La Tierra Gallega, e cando se suspendeu a súa publicación ingresou na redacción de "El diario de las Familias" e logo na do "Diario de la Marina". Acollido con entusiasmo na súa chegada, acabou indispóndose coa maioría dos seus paisanos.

En 1904 viaxa A Coruña, onde foi agasallado polos rexionalistas. De volta na Habana, retoma as súas actividades no Diario da Marina. Morreu o día 7 de febreiro de 1908.

Os seus restos mortais foron embarcados para Galicia.

A SÚA OBRA

Escribiu poesía, algo de teatro e unha novela e na lingua galega as seguintes obras:

1877.- "Unha voda en Einibó " composición1 presentada o certame en Ourense, reflexa un tema costumista, unha voda, a obra divídese en tres romances: o noivado, a cerimonia e o xantar; "O Gueiteiro " tamén presentada, evoca a figura dun gaiteiro, prototipo das virtudes da raza. "A Virxe do Cristal" nesta obra, que igual que os anteriores foi presentada ó certame, refléxase unha lenda popular, que Curros escolleu de forma especial xa que sabia que ía ser do agrado da súa nai. Estas composicións foron os premiadas no certame de Ourense e foron incorporadas posteriormente a "Aires da miña terra".

1880.- "Aires da miña terra". Esta obra acrecéntase con máis poemas en posteriores edicións. Nesta obra inclúense poemas de temática variada: costumista, intimista, cívica e o tema da emigración..

1888.-Neste ano publicase a obra "O divino sainete", nesta obra Curros crítica diversas personalidades e institucións da vida galega. A acción céntrase nun tren, nel, Curros guiado por Francisco Añón, vai visitando cada un dos sete vagóns que o compoñen, atopándose en cada un deles con tódolos seus opoñentes e inimigos.

www.galespa.com.ar


Na morte da miña nai

En la muerte de mi madre
Doce melancolía, miña musa,
do meu espírito noiva feiticieira,
déixame que hoxe no teu colo durma
sono de pedra!

Nunca, reiciña, nunca como agora
falla fixéronme os teus bicos mornos:
choveu por min chuvia de sangue e traio
frío nos ósos.

Quéntame ti, que tiritando veño,
ti, que do peito curas as feridas,
amiga xenerosa dos que sofren,
melancolía!

Tope miña alma, á sombra dos ciprestes
que os tristes ermos das túas illas cobren,
o esquecemento que en ningures acho
prás miñas dores.

Fai que ó rumor dos teus regueiros brando
se adormezan meus tristes pensamentos.
¡Son un orfo! Agarímame ao teu colo...
¡Xa outro non teño!

Xa outro non teño en que pousar a fronte
polas enrugas do pesar sulcada,
xa outro non teño que a amargura enxugue
das miñas bágoas!

Nai, adorada nai, martir escura,
branca pombiña, aruladora e tenra,
ai, se souberas como me deixabas...
ai, non morreras.

Dende que te perdín, a terra, o ceo,
todo é pra min da mesma cor da morte.
O sol non me alumea, nin os campos
pra min tén flores.

Cal sobre os condenados a pauliña
caíu sobre miña alma eterno loito;
todo me amarga, astra o aire que respiro;
dáname todo.

Do corazón fuxiume esa alegría
que é nas flores aroma e vos nos páxaros,
e andan por dentro do meu peito os corvos
arrevoando.

¡Como recordo aquelas noites claras
en que ó fulgor da prateada lúa
me arrolabas o sono, dos teus cantos
coa doce música!

¡Como recordo aqueles tardes tristes
en que os tronos sentindo, rezabamos
por que Dios leve ós probes mariñeiros
a porto salvo:

Polos necesitados camiñantes,
polos vellos sen pan e sen abrigo,
polos nenos sen pai..., abandonados
coma os teus fillos!

¡Ai! Eu tamén rezar quixera agora
por ti, de tanto amor en xusto pago;
mais dende que te fuches, miña rula,
¡teño un cansacio!

Melancolía, musa dos doentes,
do meus espírito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo
durma sono de pedra!


Manuel Curros Enríquez


Súa obra

A emigración
A Rosalía
¡ Ai !
Alborada
Cantiga
Alborada de Veiga
O maio
Ben chegado
Crebar as liras
Despedida
O divino sainete
Dúas pragas
Encomenda
A espiña
A fouce do avó
O gueiteiro
A igrexa fría
Diante dunha imaxe de Iñigo de loyola
Aires da miña terra - Limiar
Mirando ó chau
A nena na fonte
Nouturnio
Ós mozos
A primaveira
Na chegada a Ourense da primeira locomotora
Saúdo
Ten a serea o canto
Tempro deserto
A Virxe do Cristal
Á SOCIEDADE LÍRICA DA HABANA


CANTIGA

 

No xardin unha noite sentada
ó refreixo do branco luar,
Unha nena choraba sin trégola
Os desdés dun ingrato galán.

E acoitada entre queixas decia,
Xa no mundo non teño ninguén,
Vou morrer e non ven os meus ollos,
Os ollinos do meu doce ben.

O seus ecos de malencolia,
Camiñaban nas alas do vento,
E o lamento repetia,
Vou morrer e non vén o meu ben.

Lonxe dela de pé sobre a popa
Dun aleve e negreiro vapor,
Emigrado, camiño de America,
Vai o probe infelis amador.

E o mirar a xentis anduriñas,
Cara á terra que deixa cruzar,
Quen pudera dar volta, pensaba,
Quen pudera convosco voar.

Mais as aves e o buque fuxian,
Sin ouir seus amargos lamentos,
Sólo os ventos repetian
Quen pudera convosco voar.

Noites craras de aroma e lúa,
Desde entón que tristeza en vós hai,
Prós que viron chorar unha nena,
Prós que viron un barco marchar.

Dun amor celestial, verdadeiro,
Quedou sólo, de bágoas a proba,
Unha coba nun outeiro,
E un cadavre no fondo do mar.