06- Álvaro Cunqueiro  (Dias das Letras Galegas - 1991)

27/04/09

Álvaro Cunqueiro

O máis grande narrador e poeta galego contemporáneo naceu en Mondoñedo en 1911.

O vigor de súa prosa, chea de referencias fantásticas, está expresada en obras tan importantes como Se o vello Sinbad volvese ás illas ou Escola de Menciñeiros.

Santiago nomeouno Doutor Honoris Causa e a cidade de Vigo dedicoulle unha rúa. Cunqueiro está no mundo máxico como señor da palabra suprema de Galicia.

Morreu o 28 de febreiro de 1981 en Vigo e o seu corpo repousa no vello cemiterio de Mondoñedo.


Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

Yo quise y quiero que el habla gallega durara y continuara, porque la duración del idioma es la única posibilidad de que nosotros duremos como pueblo. Yo quise que Galicia continuara y, al lado de la patria terrenal, de la patria donde son la tierra y los muertos, haya esta otra patria que es nuestro habla. Si de mi algún día, después de muerto, se quisiera hacer un elogio, y yo estuviera dando hierba en nuestra tierra, podría poner mi lápida: "aquí yace alguien que con su obra hizo que Galicia durara mil primaveras más".


Inscricións na tumba de Álvaro Cunqueiro, no Antigo cemiterio de Mondoñedo.


Álvaro Cunqueiro Mora

Nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo, considerado un dos grandes autores da literatura galega.

Foille dedicado o Día das Letras Galegas en 1991.

 

TRAXECTORIA

Os seus pais eran Joaquín Cunqueiro Montenegro, de profesión boticario, e Pepita Mora Moirón. Xa de pícaro lle gustaba ler, en especial lecturas populares da época, como noveliñas sobre Buffalo Bill e de Fitz Roy, e el mesmo conta como escribiu a súa primeira novela ao xeito das do oeste na que os brancos falaban o castelán e os indios o galego (os indios vencían aos brancos). Xa un pouco máis grandiño dedicaba tempo para ler poesía que lle aconsellaba o seu amigo José Ramón Santeiro.

Estudou o bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Lugo (1921), e na capital luguesa fai boa amizade con Evaristo Correa Calderón e Ánxel Fole. Matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago en 1927, pero abandonouna para dedicarse ao seu labor como xornalista, figurando como redactor e colaborador de diversos xornais e revistas como El Pueblo Gallego. Na súa etapa compostelá acudía regularmente ós faladoiros do Café Español e entre os seus mellores amigos figuraban Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell, Gonzalo Torrente Ballester, Ricardo Carballo Calero, Carlos Maside e Xosé Eiroa. Promoveu as revistas Papel de Color e Galiza, da que editou o primeiro número o 25 de xullo de 1930.

Foi membro de primeira hora do Partido Galeguista. A sublevación dos militares sorprende a Cunqueiro en Mondoñedo, e por influencia da súa familia, moi conservadora, non foi obxecto de represalias e consegue praza de profesor nunha escola privada en Ortigueira, á que chega en outubro de 1936. Colaborou na publicación local falanxista Era Azul, militou na Falanxe Española durante a Guerra Civil tendo o cargo de xefe de Prensa e Propaganda comarcal. Jesús Suevos, o xefe territorial da Falanxe en Galicia e director de El Pueblo Gallego pídelle en 1937 que entre na redacción do xornal como encargado da parte literaria e colaborador de asuntos actuais; Álvaro aceptou e marchou para Vigo. Durante a súa estadía en Vigo tamén ensinou, durante un curto período de tempo, portugués no instituto da cidade.


Placa en memoria de Cunqueiro - Lugo

En novembro de 1938 Cunqueiro fixou a súa residencia en San Sebastián e entrou na redacción de La Voz de España. Tamén foi subdirector de Vértice, publicación da Delegación Nacional de Prensa e Propaganda, revista na que publica La historia del caballero Rafael (1939) a súa primeira narración en castelán. Cando a ocupación de Madrid polo exército franquista, Cunqueiro estableceuse alí o 29 de marzo e incorporouse á redacción do ABC. En 1947 regresou a Mondoñedo e produciuse un alonxamento do pensamento franquista. En 1950 volveu a publicar un libro en galego, Dona de corpo delgado. A partir de 1960 exerce como cronista oficial de Mondoñedo e ó ano seguinte estableceuse en Vigo, traballando para o Faro de Vigo como colaborador fixo. O 23 de abril de 1961 a Real Academia Galega elixiuno como académico de número por 23 votos a favor, 6 abstencións e 1 en contra, e leu o seu discurso de ingreso dous anos despois. Entre novembro de 1964 e xuño de 1970 exerceu como director de Faro de Vigo e Faro Deportivo.

Foi un escritor polifacético e a súa extensa obra literaria abrangue os eidos xornalístico, poético, narrativo e teatral, sen esquecer os seus traballos de tradución. Na liña vangardista publicou os poemarios Mar ao norde (1932) e Poemas do si e do non (1933); Cantiga nova que se chama Riveira (1933) escribiuna baixo o influxo da lírica galego-portuguesa medieval.


Plaza dos Ovos - A Coruña

Nos anos 40 e 50 comezou a dedicarse principalmente á narrativa, publicando tres novelas relevantes: Merlín e familia e outras historias, As crónicas do sochantre e Se o vello Simbad volvese ás illas.

Así mesmo, publicou tres libros de relatos: Xente de aquí e de acolá, Escola de menciñeiros e Os outros feirantes. Deste último fíxose unha serie de seis historias adaptadas á pantalla con actores galegos e españois de prestixio.

Recibiu o Premio da Crítica española en 1959 por Las crónicas del sochantre, que en realidade foi unha tradución d´As crónicas do sochantre, que escribira primeiro. Así mesmo, foille concedido o Premio Nadal, e por Herba de aquí e acolá o premio “Frol da Auga”, en 1979. Tamén, como xornalista, recibiu o Premio Conde de Godó.

O primeiro Cunqueiro foi fundamentalmente poeta, de xeito vangardista, neotrobadoresco e culturalista, e despois da guerra civil española dedicouse sobre todo á narrativa e ao xornalismo, deixando innumerabeis artigos en xornais como Vallibria, La Voz de Galicia, El Progreso e Faro de Vigo (xornal que ademais dirixiu).

Herba aquí e acolá (1980) é unha colectánea de poesías de suma calidade. E da súa obra teatral é salientábel O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958).

Foi o autor da famosa cita Mil primaveras máis para a lingua galega, que figura actualmente na súa sepultura "Eiqui Xaz alguén, que coa súa obra, fixo que Galicia durase Mil primaveras máis" xunto con outra que reza, "loubado seña deus que me permitiu facerme home neste grande Reino que chamamos Galicia".

 


OBRAS EN GALEGO


POESIA

Mar ao norde (1932)
Poemas do si e non (1933)
Cantiga nova que se chama Riveira. Premio Gil Vicente (1933)
Dona do corpo delgado (1950)
Herba aquí e acolá (1980)

NARRATIVA

Merlín e familia (1955)
As Crónicas do sochantre (1956)
Escola de Menciñeiros (1960)
Si o vello Sinbad volvese ás illas... (1961)
Xente de aquí e de acolá (1971)
Os outros feirantes (1979)

TEATRO

O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca (1958)
A noite vai coma un río (1965)
Palabras de víspera (1974)

ENSAIO

Tesouros novos e vellos (1964)
A cociña galega (1973)


OBRAS EN CASTELÁN

Elegías y canciones (1940)
Balada de las damas del tiempo pasado (1945)
Crónica de la derrota de las naciones (1954)
Las mocedades de Ulises (1960)
Flores del año mil y pico de ave (1968)
Un hombre que se parecía a Orestes (1969)
Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca (1972)
El año del cometa con la batalla de los cuatros reyes (1974)
Tertulia de boticas prodigiosas y Escuela de curanderos (1976)


 

QUEN PUIDERA NAMORALA

Canción de Luis Emilio Batallán baseada nun poema de Álvaro Cunqueiro, regravada para a película Pradolongo, dirixida por Ignacio.

 
 
LETRA
   
No niño novo do vento
hai unha pomba dourada;
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.

Canta o luar e o amencer
en frauta de verde olivo;
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.
Ten ás de flor recente
cousas de recén casada;
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.

Tamén ten sombra de sombra
e andar de primeiro río
quen puidera namorala,
quen puidera namorala,
meu amigo.

 
   
QUEM PUIDERA NAMORALA
   
   

 


 

OS VIÑOS

( do libro "A cociña galega" de Álvaro Cunqueiro )


Eu podía darlle unha volta ao país coa taza cunca do meu apelido na man. E comenzando polas cepas luguesas, indo aos ribeiros do Miño, que son os primeiros os de Portomarín dos Cabaceiros de San Xoán. Denantes foron, en Loio, as viñas dos templarios: xa dixo Castellá y Ferrer, una montañuela toda de viñas, pequeña. Uns viños lixeiros e acedos, ás vegadas cunha agulla moi solta e fresca. De aquí son moi boas augardentes, quizabes as máis poderosas de toda Galicia, moi tesas no seu secor. Eu diría que a súa fortaleza e terquedade véñenlles a estas augardentes de que as viñas nais están plantadas preto de onde foron os camposantos dos templarios e dos sanxoanistas, e acoden a elas, pola soterra, as cales dos ósos dos soberbios cabaleiros de antano. Mido abaixo, está o país de Chantada, cos ribeiros miñotos de Asma e de San Fiz, coas viñas de Belesar: aquí melloran os viños, máis os tintos que os brancos, e hai cepas de caíño - de caliginus, é dicir, escuro, fusco-, e de mencía, a boa leonesa. Para min, os mellores son os tintos de San Fiz, que as monxas de Chouzao mandaban ás súas irmás de San Paio de Antealtares, en Compostela. Son moi serios estes viños chantadinos, cun corpo levián e suave, e ainda que tintos pódense beber frescos, co frescor das adegas da ribeira dereita do Miño en Belesar. Eu recordarei sempre dun día que fun acolá, e estaba enchendo o embalse de Belesar, e xa cubriran as augas a vella ponte, que parece que foi romana e logo refeita nos días medievais, e da tona das augas ainda xurdian as ponlas duns pexegueiros, floridas en roxo, que era comezos de maio, e eu bebía do viño da adega, sentado á porta desta, e pareciame melancólico, pero a tristeira era miña, de ver tanta terra e aquelas flores roxiñas afogar nas augas escuras da presa...

Máis embaixo xa están os tres rios nos Peares. O Sil coñece as viñas do Valdeorras, onde entre todos os viños brancos triunfa o que chaman godello, que é dos primeiros brancos que dá o país. Algúns tintos de Valdeorras son moi propios para unha lacoada. Os viños do Cabe son froxos, pero ledos, e máis serios os de Quiroga. Hai tintos mois honestos polos ribeiros do Sil, e algúns acorpachados, bos compañeiros nas merendolas. Por acolá anda un río, que chaman Bibey, e unhas viñas famosas, que din de Amandi. Deste tinto dlxose que era grato a Augusto, e non sei a realidade do conto, e se Augusto o bebeu na Hispania ou llo levaron a Roma. Os mellores Amandi que eu bebín lembráronme algún bordelés, algún viño do Médoc, "as pálidas violetas do Médoc" que dixo o poeta, e por comparanza tivenos xuntos na mesa. Un viño ilustre, sen dúbida o de Amandi, moi cortés, recatando o "bouquet" ao comenzo, para despois deixar que viva na boca aquel lento perfume, e vala e veña...

Segue habendo viño preto do Miño, que xa bebeu os outros rios. En Ribadavia o Miño recibe pola dereita o Avia. Os ribeiros do Avia dan grandes viños. En Gomariz eu deletreaba todas as cepas vellas do pais: caíño, brencellau, mencía, tintilla, tarrantés, treixadura, godello, lado, albariño... (Xa sei que agora hai outras cepas, e que se queren colleitas longas, vendimas fartas, e que as vellas cepas do pais dan pouco. Sei todo o que se di, e algo máis, e sei que hai que buscar onde están escusados, en que adega viven os grandes vinos nosos. Algunha que outra vez, tócame un ao que hai que tirarlle a pucha). Hai grandes tintos en Beade, en Gomariz, en Leiro, en Cabanelas, en moitas adegas ribeiranas. Eu gusto dos brancos que levan máis dunha metade de treixadura: son os viños para aperitivo de estudiosos, do P. Feixoo ou do mestre Otero Pedrayo, e á tardiña, preparan a alma para a contemplación das brillantes estrelas. Os albariños do Ribeiro do Avia son diferentes dos albariños de Arbo, e estes dos de Soutomayor, pofío por caso, e os do Salnés.

Miño abaixo, damos con Salvaterra e o seu condado, célebre dende Pedro Madruga. Digo os nomes maiores do Condado: Rubiós, Tortoreos, Meder. Con algúns tintos do Ribeiro do Avia, hai que poñer os destas partes. Eu aseguro que o mellor tinto galego que catei na miña vida, foi un de Rubiós: ¡Deus, que ancho era, que farto, que amistoso, que quentador, que conselleiro! Se en Ribadavia, por maio, lle fan festa ao viño do Ribeiro, polo verán en Salvaterra de Miño fana aos vinos do Condado, cando son as calores San Lourenzo, o patrón. Eu, que catei acolá nalgunha destas festas, levo na memoría algún que outro tinto perfecto... Outros viños son os do val do Rosal, onde din que houbo en tempos de antes da filoseira moita treixadura. Hai viños moi bos, coa súa agulla, con moito "bouquet". Os tintos, lixeiros, brincadores na boca, van moi ben coa lamprea, e os brancos coas angulas fritidas ou empanadas. (Non pensen que é viño do Rosal esa purrela gaseada que dan nos bares das vilas). Atrás, en Ourense, quedáronnos os viños do val de Verín. Eu bebía nun restaurante da Coruña, un branco de por aló, que era de colleita de D.Benito Blanco Raxoy. Tiran máis aos viños de Valdeorras e da Rúa-Petin que aos dos ribeiros do Avia. Son uns viños graves e francos.

Ao albariño do Salnés fáiselle festa todos os anos de Deus na vila de Cambados. Acoden puntuais os albariños das viñas ribeiranas do mar, que son un algo máis doces, e os de terra adentro, máis secos. Tantos anos catando, xa sabe un de qué parroquia son, se de Ribadumia ou de Fefiñáns. Coido que un bo albariño é o mellor branco do noso país. Agora, cos adiantos de escola, todos teden a mesma color, pero eu aínda me lembro dunha varia gama de ouros, que amencían nas copas da capa corno fillos de soles diferentes. Non lembran para nada as cepas nais do Mosela e do Reno, de onde as trouxeron os monxes de Cluny e do Cister. Umia abaixo, dende Caldas de Reís, había unha nobre e antiga cepa de tinto, da que só restan memorias, case: o espadeiro. Eu bebino de pe na ponte, en Ponte Arnelas, ollando irse aquel docisimo Umia ao mar. Se houbese un home tan compañeiro, tan home compango de home, irías con el polo mundo adiante, da man. Un vino vivo, locuaz, despreguizador, anainante.

Hai que ir á Ulla a beber uns vinos fraques e acedos, ou darlie unha volta á península do Morrazo e catar os brancos de Nerga e de Donón, e despois rubir ata Betanzos, a refrescar co agudelo de acolá, fillo das cepas máis septentrionais de Galicia, co saúdo do ramallo de loureiro no dintel da porta da adega. Ten esa roxa color lúcida da espinela. Viño escasamente graduado e betanceiro, nos bos anos ten unha gracia inesquencible.

Fanse moi boas augardentes en case que toda a Galicia vinicola. Xa falamos das de Portomarín. Son moi boas as valdeorresas e as ribeiranas, secas e máis duras as do Condado, finas e suaves as do Salnés e as da Ulla, e tamén as de Betanzos. Coas augardentes faixe licor café, e póñense nela guindas e cereixas, e pexegos, e faise augardente de herbas, con doce ou catorce diferentes, algunhas destas augardentes tan boas coma as da receita da Grande Cartuxa. Nos derradeiros tempos, púxose de moda o queimar augardente, a agora famosa "queimada": seis culleradas de azucre por libra de augardente, e a pela dun limón. Nada de botarlie café, que lle arrouba á augardente todo o seu sabor. En todo caso, unha cunca de viño cando xa está a queimada, e se vai deixar apagar.

Aos galegos gústannos os nosos viños. Quizabes porque teñen máis ganas de falar ca nós, ou porque teñe
n un sabor fuxitivo, e buscándollelo, rememoramos tempos, lugares, xentes, amores, despedidas..


www.galespa.com.ar

http://gl.wikipedia.org/wiki/Alvaro_Cunqueiro

http://www.youtube.com/watch?v=ZxmbN9Sc8-0

http://www.youtube.com/watch?v=LZD2RENvOXI