

| 02- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Dias das Letras Galegas - 1964) |
27/04/09 |

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
(Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas
do movemento galeguista.
Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa prfesión para
dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación
integral de Galicia.
A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no periodismo gráfico, na
pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home
comprometido coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a
súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica.
Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non
deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.
CASTELAO
Castelao é o símbolo máximo da identidade galega. Político, pintor e escritor, a
súa figura polifacética e humana está constantemente presente na memoria
colectiva de Galicia
Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 30 xaneiro 1886, aínda
que pasou toda a súa infancia en Santa Rosa de Toay, en La Pampa Arxentina, onde
emigraran os seus pais ao pouco de el nacer.
A familia Castelao volta a Rianxo en 1900 e Afonso-Daniel licenciase na
Facultade de Mediciña de Compostela en 1908, cursando o Doutorado en Madrid ao
ano seguinte, onde comeza a destacar como caricaturista, tras o cal se establece
en Rianxo e adire o movemento agrarista Acción Gallega.
Como pintor, Castelao foi un grande artista condicionado pola súa case cegueira
e pola necesidade que sentía de crear un arte ao servizo de Galicia, primando
logo a comunicación sobre as cuestións artísticas. O arte gráfico de Castelao
defínese primeiramente pola súa constante humorística e satírica na que as
xentes humildes adoitan ser os protagonistas. A partires da Guerra Civil
española, a crueldade e miseria daquel acontecemento causa que o deseño de
Castelao evolucione cara a denuncia da traxedia e mesquindade do feixismo.
No ano 1916 deixa a Mediciña e desprázase a Pontevedra, onde adire as Irmandades
da Fala e participa na Asembleia Nazonalista de Lugo, subscribindo unha
transcendente declaración nacional. En 1920 toma en cargo a dirección artística
da publicación "Nós" e viaxa por Francia, Países Baixos e Alemaña. En 1922
inicia a súa producción narrativa publicando "Un Ollo de Vidro". No ano 1924
ingresa no Seminario de Estudos Galegos e funda a Coral Polifónica de Pontevedra
xunto a Lousada Diéguez. Dous anos máis tarde inicia a publicación "Cousas" e en
1929 viaxa a Bretaña para estudar os seus cruceiros, do que resulta o libro "As
Cruces de Pedra na Bretaña".
No ano 1930 asiste ao Pacto de Lestrove, onde se formou a Federación Republicana
Galega, intervén nos actos do Partido Nacionalista Republicano Galego e
participa na histórica asemblea de redacción das bases do Estatuto do Estado
Federal de Galicia. Ao ano seguinte edita o álbum "Nós" e é elexido deputado no
Parlamento de España polo Partido Galeguista, que acadara 16 deputados. En 1934
ven a luz "Retrincos", "Os Dous de Sempre", e máis a edición definitiva de
"Cousas", ingresa na Real Academia Gallega e é desterrado polo goberno
conservador a Badaxoz, Castela, onde permanece ata o troco de goberno de 1935.
Outravolta parlamentario polo Partido Galeguista, estala a Guerra Civil ao se
encontrar Castelao en Madrid para entregar o texto do Estatuto de Autonomía de
Galicia, referendado a favor por un 98% dos votos, e no que o líder galeguista
tivera unha actuación de relevancia. Durante a guerra española participa na
organización das Milicias Galegas, ás que pertencía Enrique Líster, e se
despraza co goberno republicano a Madrid, Barcelona e Valencia, onde publica os
álbumes "Galicia Mártir" e "Atila en Galicia".
En 1938 é enviado polo Ministerio de Propaganda a Rusia, Estados Unidos e Cuba
para obter apoio entre os emigrantes á causa republicana. De regreso a Nova
Iorque embarca a Buenos Aires, onde fixará a súa residencia. Na capital
arxentina estreou en 1941 "Os vellos non deben de namorarse", a aportación de
Castelao ao teatro galego.
No ano 1944 publica a obra cumio do pensamento galeguista, "Sempre en Galiza" e
convértese en primeiro presidente do Consello de Galiza, o goberno de Galicia no
exilio. En 1945 funda con cataláns e bascos a revista Galeuzca, lembranza da
alianza política de 1933, e un ano máis tarde é nomeado ministro do goberno da
República no exilio, polo que se traslada a París.
Volta a Buenos Aires en 1947 e dous anos máis tarde aféctalle un cancro de
pulmón. Publícase "As Cruces de Pedra na Galiza" ao pouco do seu pasamento, o 7
xaneiro 1950, sendo soterrado no Panteón do Centro Galego do cemiterio de La
Chacarita, Buenos Aires, coa masiva asistencia e cariño de persoeiros chegados
expresamente de todo o mundo. O Senado de Arxentina daquela erixiulle un
monumento á súa honra como tal fixo o concello de Buenos Aires dándolle o seu
nome a unha praza. Desde entón, parte da inxente obra de Castelao ten sido
publicada en varios idiomas, do húngaro ao italiano, do francés ao ruso, do
inglés ao chinés, do basco ao portugués..., e desde a caída do réxime do
dictador Franco os restos do máis egrexio galego de historia repousan no Panteón
de Galegos Ilustres, en Galicia.
Fte: www.riasbaixas.net
Obra
Polifacético novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte e
político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa
solidariedade.
O 31 de xullo de 2008, o Consello da Xunta[33] aprobou un convenio entre a
Consellería de Cultura e a Fundación Castelao para a catalogación e
dixitalización de tódolos textos, obras, discursos, cartas, fotografías, debuxos
e calquera material atribuído a Castelao disperso actualmente en diversos países
en hemerotecas, organismos oficiais e coleccións públicas e privadas. O
investimento aprobado foi de 300.000 euros e o obxectivo é crear un fondo
accesible ó público na futura Cidade da Cultura.
O coordinador do proxecto, Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente da
Fundación, estima un total dunhas 3.000 obras a catalogar, para o que se prevé
un traballo de dous anos tanto en Galiza como en Madrid, Estados Unidos, Cuba,
México ou Arxentina [34].
Narrativa
Iniciouse na narrativa con relatos curtos publicados na prensa da época a partir
de 1919. En Cousas, Retrincos, Un ollo de vidro e Os dous de sempre establece un
conxunto único na narrativa galega que culmina coa colección de ensaios Sempre
en Galiza, conectando literatura, política e teoría do galeguismo. A súa visión
literaria tenta desmitificar os tópicos costumistas cun humorismo sarcástico e,
de cando en vez, esperpéntico.
Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete[35] (1922)
Cousas (1926, 1929)
Os dous de sempre (1934)
Retrincos (1934)
Teatro
Só escribiu unha obra de teatro, titulada Os vellos non deben de namorarse,
comedia que conta os amores tardíos de tres vellos con tres mozas novas, e que
incorporaba tendencias renovadoras do teatro europeo xunto coa tradición popular
galega.
Os vellos non deben de namorarse (representada en 1941, publicada en 1953)
Ensaio
A obra Sempre en Galiza é o ensaio máis importante escrito por Castelao, obra
feita desde un punto de vista nacionalista. Por outra banda, As cruces de pedra
na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza tratan sobre a arte popular.
Diario (escrito en 1921, publicado en 1977)
As cruces de pedra na Bretaña (1930)
Sempre en Galiza (1944)
As cruces de pedra na Galiza (1950)
Debuxo
Os seus debuxos, complementados con textos agudos, móstranos a Galiza agraria e
o caciquismo. Representados por personaxes populares, labregos e mariñeiros, e
pobres xentes do campo, cegos e desamparados, as ilustracións transmiten o
sufrimento que estes padecen, todo isto baixo un punto de vista crítico e
realista mais cunha fina ollada humorista.
No seu álbum Nós móstranos unha colección de debuxos que datan de 1916 a 1918.
Os derradeiros álbums son a expresión dos horrores da Guerra Civil.
Álbum Nós (exposición, 1920; edición impresa, 1931)
Cincoenta homes por dez reás (1925)
Cousas da vida (1925)
Galicia mártir (1937)
Atila en Galicia (1937)
Milicianos (1938)
Debuxos de negros
Cegos: os meus compañeiros
http://gl.wikipedia.org/wiki/Alfonso_Daniel_Rodr%C3%ADguez_Castelao
| Casa de Castelao en Rianxo | Estatua de Castelao en Pontevedra |
![]() |
![]() |
| Busto de Castelao na Coruña. | Estatua de Castelao en Ourense. |
![]() |
![]() |
| Busto, Rianxo | Busto de Castelao, Madrid |
![]() |
![]() |
| Monumento a Castelao na Carballeira de Santa Susana, Santiago de Compostela | |
![]() |
|